SanidadeÚltima hora

Sanidade fará cribados de Covid nas residencias universitarias galegas

A medida acordábase na reunión celebrada onte polo comité clínico e era anunciada hoxe polo conselleiro

O conselleiro de Sanidade, durante a rolda de prensa desta mañá.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciaba esta mañá en rolda de prensa a realización de cribados nas residencias universitarias galegas. Esta era unha das medidas que se decidían na reunión celebrada polo onte na xuntanza do Comité Clínico, o grupo de expertos que monitora a evolución da Covid-19 en Galicia.

O conselleiro comparecía acompañado polo secretario xeral do Sergas, Alberto Fuentes Losada, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán e o xerente do Sergas, José Flores; e indicaba que o establecemento de medidas nos diferentes concellos obedece á combinación dun conxunto de criterios e parámetros con valor epidemiolóxico, que van máis alá, da denominada incidencia epidemiolóxica.

García Comesaña apuntou que, malia que a situación en Galicia presenta uns mellores datos que o meirande parte das Comunidades Autónomas, a consellería segue a tomar decisións e, neste sentido anunciou que na xornada de hoxe comezou o cribado de estudantes nas residencias universitarias de Santiago de Compostela.

Sobre este particular, o titular da carteira sanitaria galega apuntou que estes cribados ampliaranse ás residencias dos restantes Campus universitarios de Galicia, nomeadamente, Coruña e Vigo. Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, sinalou que estas probas tamén se poden estender a outros ámbitos universitarios. Así mesmo, Sanidade avanzou que está traballar na elaboración dun novo protocolo de cara ao vindeiro Día de defuntos.

O secretario xeral do Sergas, Alberto Fuentes, enumerou algunhas das limitacións establecidas onte polo Comité clínico sobre a limitación a grupos de até 10 persoas en toda Galicia, o que repercute en academias e centros con outras actividades de formación non regrada, a animación nos hoteis, bibliotecas e arquivos, actividades en ximnasios ou centros semellantes, actividades turísticas e de tempo libre e locais de xogo e apostas, entre outros. Todas estas medidas, publicaranse hoxe no Diario Oficial de Galicia, e entrarán en vigor dende as 00 horas desta medianoite.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, puxo o foco en que nestes intres, “está garantida a capacidade asistencial nos centros sanitarios galegos, lembrando que é preciso adoptar estas medidas coa anticipación suficiente, para poder garantir o servizo sanitario en todas as áreas”.

No transcurso da rolda de prensa, na que tamén participaron os membros do Comité clínico, Sergio Vázquez e Tato Vázquez Lima, reiterouse a necesidade de cumprir a totalidade das medidas hixiénico-sanitarias establecidas, apelando á responsabilidade individual á hora de celebrar xuntanzas, solicitando a colaboración do conxunto de universitarios e universitarias galegas neste particular.

Artigos relacionados

Back to top button
Close