SanidadeÚltima hora

Sanidade prorroga ata o 25 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe

Este ano en Galicia, din dende a consellería, “estase a retardar a chegada da onda gripal e polo tanto todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito, aínda están a tempo de vacinarse”

A campaña de vacinación da gripe, que se está desenvolvendo en Galicia baixo o lema “Contaxia a túa enerxía e non a gripe” dende o pasado 22 de outubro, prolongarase ata o vindeiro 25 de xaneiro. Así o vén de decidir a Consellería de Sanidade, prorrogando así a campaña que tiña previsto rematar o 28 de decembro.

Este ano en Galicia “estase a retardar a chegada da onda gripal e polo tanto todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito, aínda están a tempo de vacinarse. Para ilo poden acudir a algún dos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade, coma os centros de saúde e os hospitais do Servizo Galego de Saúde. Tamén en centros sanitarios privados ou residencias da terceira idade entre outros”, lembran dende Sanidade.

Dende o inicio da campaña ata este 6 de xaneiro vacináronse un total de 553.000 persoas en Galicia, “o que supón uns 23.000 vacinados máis que na mesma data do ano pasado. No caso concreto das persoas de 65 ou máis anos, un dos grupos de risco nos que a vacina está especialmente indicada, o número de vacinados é xa de 388.500. Nestas datas de 2018 a cifra para este grupo de idade era de 6.600. Se continúa esta tendencia, ao remate da campaña poderíase falar de que se superaría o 57,96% de cobertura vacinal do pasado ano na poboación galega de 65 ou mais anos”, aseguran dende Sanidade.

Xunto á mellora das coberturas na poboación xeral, Sanidade subliña o aumento do número de vacinados entre os profesionais sanitarios, case un 30% máis que o ano pasado, segundo os datos provisionais manexados. Resáltase asemade o “o elevado incremento de vacinación das mulleres embarazadas, cun ascenso cercano ao 70% con respecto á campaña de 2017. Isto é debido, probablemente, a unha maior concienciación da importancia desta enfermidade no embarazo por parte das mulleres e dos profesionais sanitarios que as atenden”.

 

Últimos datos epidemiolóxicos

A Consellería de Sanidade lembra que o principal obxectivo desta campaña de vacinación “é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a súa prevención, procurando diminuír o número de casos e a gravidade das complicacións derivadas de padecela. Aínda que non empezou a onda gripal deste ano, os últimos datos epidemiolóxicos publicados amosan xa 26 ingresos hospitalarios por esta enfermidade dos que 5 tiveron que ingresar na UCI”.

Para máis información poden consultar a web temática da campaña (https://gripe.sergas.es), como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, con toda a información actualizada.

 

Artigos relacionados

Back to top button