SanidadeÚltima hora

Sanidade publica o anteproxecto que modifica a actual Lei de Saúde de Galicia

A reforma reduce de once a sete as áreas sanitarias e crea 14 distritos en torno aos 14 hospitais públicos
Observando a placa dunha mamografía./ FOTO: Ana Varela.

A Consellería de Sanidade publicaba na mañá do 2 de agosto, o anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia.

A nova organización territorial “pretende acadar unha utilización óptima dos recursos dispoñibles, tanto materiais como humanos, dentro do ámbito territorial da área sanitaria, con maior coordinación entre primaria e hospitalaria”, apuntan dende a Consellería. Así pois, a reforma establece a división por áreas sanitarias e, “coa finalidade de manter a continuidade do sistema público de saúde existente”, segundo o Sergas, inclúe unha disposición transitoria única na que establece que “en tanto non se estableza a ordenación territorial a través da elaboración do mapa sanitario, o ámbito xeográfico das áreas coincidirá co das actuais Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI): A Coruña; Santiago de Compostela; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Vigo.

Ademais, existirán 14 distritos que se configuran como divisións das áreas, e que toman como referencia a institución hospitalaria no seu ámbito territorial; constituíndo un marco de referencia da actividade de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor do hospital, e mantendo a agrupación de concellos que xa se realiza actualmente no decreto das EOXIs.

Segundo o Sergas, “esta nova organización territorial permitirá unha coordinación entre primaria e hospitalaria máis efectiva, cunha cobertura asistencial realizada cos mesmos criterios asistenciais e de derivación entre centros, protocolos únicos de área, e maior interactuación de profesionais de ambos niveis asistenciais”.

Artigos relacionados

Back to top button