En portadaÚltima hora

Sanidade restrinxe a mobilidade nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás

Ademais os concellos de Verín, O Irixo e Boborás pasan a nivel tres de medidas de restrición, tras a xuntanza do Comité Clínico que tivo lugar esta tarde

Praza diante do Concello do Carballiño./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras a reunión celebrada esta tarde polo Comité clínico que fai seguemento da evolución do Covid-19, a Consellería de Sanidade vén de acordar limitar as xuntanzas en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de dez persoas. Esta decisión adóptase tras “constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares”.

Así mesmo, acordábase restrinxir “a mobilidade nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás. O comité considera conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes concellos e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona”. Isto supón que “queda establecida unha mobilidade perimetral entre os concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás polo que os seus habitantes non poderán desprazarse fóra deles agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios”.

Ademais, decidiuse elevar ao nivel tres de restrición no concello de Verín, no que se manteñen as restricións de xuntanzas a grupos de convivintes. “Lembramos que bares e cafeterías limitaranse a atender nas terrazas a grupos de persoas convivintes. Os restaurantes poden servir tamén no interior, cun aforo limitado ao 50%”, indica Sanidade.

Ademais entra en nivel dous a comarca de Celanova. Entre estas restricións xerais deste nivel destacan “a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros, así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto”.

Este conxunto de medidas, que se publicarán mañá no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor dende as 00h. horas do xoves.

Artigos relacionados

Back to top button