ConcellosLaroucoÚltima hora

Santa Mariña non percorre este ano as rúas de Seadur (Larouco)

A localidade viuse obrigada a cancelar a maior parte dos actos previstos para as festas patronais deste 2020

 

A localidade de Seadur, no concello de Larouco, non puido celebrar este ano as festas de Santa Mariña, que foron canceladas como medida preventiva fronte á pandemia do coronavirus. Non obstante, hoxe, 19 de xullo, os veciños conseguiron organizarse para amenizar esta xornada dominical posterior ao día da patroa.

Vestidos elegantemente, os fieis acudiron á igrexa parroquial á unha da tarde para asistir a misa, un día despois do que sería a festa patronal en honra a Santa Mariña. A eucaristía estaba oficiada polo párroco José Manuel Carrasco Pascual e entre os asistentes estaba a alcaldesa, Patricia Lamela.

 

Fachada principal da igrexa de Santa Mariña de Seadur.

 

A pesar de que non estaba permitido realizar a procesión polas rúas da aldea, sí puideron dar a volta ao templo. Varias persoas ofrecéronse para levar ás costas á Santa e o crucifixo e, finalmente, a breve procesión percorreu o adro da igrexa en non máis de 5 minutos. A peculiar festa estivo acomapañada pola música do quinteto estradense Lume na Lareira e tamén se lanzaron bombas de palenque. Os veciños remataron a xornada cunha sesión vermú na zona das antigas escolas. As medidas que esixe a nova normalidade, froito da pandemia, cumpríronse en todo momento. O templo dispoñía de xel desinfectante e todos os presentes gardaron a distancia de seguridade e levaban mascarilla sanitaria.

Referíndose ao particular destas festas de Santa Mariña, a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, indicou que pese a non haber actos, si se puideron facer pequenas cousas “o venres proxectouse a película de María Solinha; hoxe pasou a concentración de coches clásicos dende Larouco e actuou a charanga. Tamén se fixeron ceas por pequenos grupos nas covas”. “A vida segue, pero con moita cautela”, finalizaba a alcaldesa.

Texto: Víctor Santos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button