ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Santiago Ferrer pecha o ciclo sobre a minería en Valdeorras

As explotacións auríferas centraron a última conferencia na biblioteca municipal do Barco

Primeiro foi a lousa, despois o wolfram, en terceiro lugar os minerais en Valdeorras e por último o ouro e a súa extracción na comarca na época dos romanos. Ese foi o tema sobre o que falou o arqueólogo Santiago Ferrer na conferencia coa que na tarde do 1 de decembro, pechaba o ciclo sobre a minería en Valdeorras organizada polo Concello do Barco a través da biblioteca municipal.

Antes de dar paso ao conferenciante, nunha sala chea de público, a coordinadora do ciclo Débora Álvarez aseguraba que con todo o que estaban aprendendo e todo o que faltaba por tocar “espero que isto non quede aquí e podan haber máis ciclos”. A ese respecto, o propio Ferrer suxeriulle que para futuras edicións buscase a algún entendido en dous temas importantes sobre a minería na comarca, “as explotacións de cobre e as ferrerías”.

Xa centrado na súa conferencia, o arqueólogo comezou a súa intervención asegurando que en época romana Valdeorras era moito máis extensa que agora, posiblemente era coñecida como Gigurria e podería chegar ata o río Lor cara o este e bastante máis cara o leste posiblemente ata Ponferrada, “non se sabe moi ben ata onde pero posiblemente a explotación das Médulas pertencía ao pobo dos gigurros”.

Ferrer asegura que a maior explotación do ouro prodúcese no noroeste da Península Ibérica e de época romana “os movementos de terra máis grandes que se producen en toda a historia ata o século XIX”. Tamén falou dos xacementos primarios (en rocha) e secundarios (en terra) ou en aluvión, estos últimos, explotados en maior medida polos romanos, así como das técnicas empregadas e a infraestructura hidráulica, destacando a ruina montitun caracterizada polos canais.

Diante do atento público, Santiago explicou que o rio Sil, ao seu paso pola comarca de Valdeorras, estivo salpicado de explotacións auríferas, destacando o complexo de Córgomo, Arcos e Portela en Vilamartín, o da Medua, e sobre todo o de Éntoma “o máis impresionante da época romana”, dixo, facendo un repaso en imaxes por outras explotacións como o complexo de Montefurado, Vilanuide e San Martiño, ou o de Caldesiños en Viana do Bolo.

Para concluír Ferrer asegurou que non é certo o que se di sobre que “miles de esclavos traballaron nas minas de ouro romanas, é totalmente falso. Eran explotadas directamente polo Estado con man de obra reclutada nos pobos da contorna”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button