CulturaCulturaÚltima hora

Santiago Lago aborda os 40 anos de descentralización en España no seu último libro

Este volume vén presentarse neste luns no auditorio de Abanca coa participación de Alberto Núñez Feijóo e Fernando González Laxe

 

“40 años de descentralización en España (1978-2018): balance y perspectivas”. É o título do último libro de Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. Nel, realiza unha minuciosa análise do proceso que ten levado, segundo explicou o propio autor da publicación, “a España a dotarse dun complexo sistema de descentralización económica e política, ao tempo que deu paso a un proceso de converxencia co resto da Unión Europea”.

A obra presentábase neste luns no auditorio de Abanca en Santiago nun acto que contaba coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do expresidente Fernando González Laxe, así como coa asistencia de numerosas autoridades políticas, sociais e académicas, como os reitores Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo, e Julio Abalde, da Universidade da Coruña; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta; José González, conselleiro do Medio Rural; Juan Vieites, presidente da CEG, e os secretarios xerais de UGT e CCOO.

A presentación deste documento coincide ademais cos 40 anos do estatuto galego, polo que o catedrático da Universidade de Vigo tamén se referiu a el indicando que “é inevitable que o paso do tempo deixe obsoleto calquera texto legal e que, por tanto, tería sentido que a súa revisión, pasada a situación de urxencia pola que atravesamos, se incluíse na axenda política”. Porén, incidiu en que lle parece “máis urxente” a revisión dos foros multilaterais de cogobernanza indicados e o impulso de acordos no parlamento galego e entre os axentes sociais sobre os grandes retos de país, como o abandono de terras no medio rural, os desafíos demográficos ou a reforma no funcionamento da administración, entre outros.

Este libro, editado por Funcas (Fundación de las Cajas de Ahorro), ten como obxectivo amosar “o ocorrido na fronte da descentralización política e financeira; os logros conseguidos, pero tamén os erros e tarefas inacabadas, para acabar ofrecendo unha listaxe de propostas de reformas no sistema autonómico en pos dun mellor funcionamento, en termos de equidade, eficiencia, transparencia, estabilidade fiscal e rendición de contas”. O traballo realizado, indícase nel, sintetiza e é debedor de múltiples investigacións desenvolvidas ao longo do tempo polo seu autor con numerosos coautores e nútrese da súa participación en redes de investigación e grupos de traballo.

No acto o presidente da Xunta indicaba que a obra de Santiago Lago Peñas ofrece unha ferramenta útil para os que queiran aprender e reflexionar; “e para forxar consensos futuros sobre a descentralización, conxugando os principios inesquecibles de eficiencia, equidade e solidariedade”, abundou, subliñando que a alternativa, pola contra, é que a financiación e a fiscalidade autonómica evolucionen en función de pactos conxunturais carentes de perspectiva.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención agradecendo unha vez máis ao autor o seu traballo como director do Foro Económico de Galicia e coordinador do Comité de expertos para a recuperación económica de Galicia. Ademais de valorar a súa incorporación ao grupo de expertos do Goberno central para abordar a reforma fiscal.

Artigos relacionados

Back to top button