EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Santiago Prada, estandarte da xoiería de autor nos PRENAMO 2019

O xoieiro barquense recibía en Madrid o Premio á Excelencia Profesional

 

Conceptual, comercial, de autor,… Son varias as disciplinas nas que pode chegar a ramificarse o mundo da xoiería pero é nesta última, na que se ten profesionalizado Santiago Prada Gómez.

Natural do Barco de Valdeorras e fillo de transportista, comezou case por casualidade, buscando unha forma de vida alternativa nun momento clave da crise económica e gustoulle tanto que, despois dunha primeira aproximación na Escola Técnica de Xoiería do Atlántico con sede en Vigo (onde estudaba a súa irmá, tamén xoieira), decidía seguir formándose, estudando Xemoloxía na Universidade de Barcelona cun posterior máster en Síntese e Tratamentos Xemolóxicos. E hoxe, deseña e fabrica as súas propias xoias no seu taller no Barco.

 

Detalle do proceso de engarzado de xemas.

 

Empezou con xoias máis ou menos comerciais (a súa familia tiña unha xoieíra no Barco) pero pronto se deu conta de que o seu era máis a creación propia, de aí que se decantase pola xoiería de autor, como “un vehículo que nos permite explorar a nosa creatividade e articular un discurso único e persoal”, aseguran dende AJA, a Asociación de Joyeros de Autor que el mesmo preside dende hai uns meses. Segundo este colectivo, “xoia de autor é sinónimo de máxima calidade, tanto en relación aos materiais (basicamente nobres) e acabados, como a súa usabilidade”, sendo ademais concebida e deseñada “no desenvolvemento dun proxecto creativo con discurso propio avalada pola utilización do nome do seu creador como marca comercial”.

 

Santiago Prada recollendo o premio en Madrid.

 

Así nace Santiago Prada Joyas de Autor, a marca coa que leva feito verdadeiras obras de arte dignas de exposición coas que ten ganado numerosos premios. O último, que recollía en Madrid o pasado venres 4 de outubro, non lle foi concedido por unha xoia en concreto, senón polo seu tesón e emprendemento, conseguindo saír adiante neste complexo e competitivo sector, malia as dificultades. Así, da man da organizadora, Laura Victoria Valencia, Santi recollía no Hotel Puerta América o Premio PRENAMO 2019 á Excelencia Profesional na disciplina xoias de autor que outorga ANDE (Asociación de Novos e Xoves Deseñadores).

Xunto a el, recibiron o galardón profesionais de ámbitos moi diferentes. Especialmente da moda, pero tamén do mundo do viño, da restauración, da industria… “Incluso estaban unha empresa italiana de Complementos de Moda, Bolsas e Accesorios e o director do Instituto Xemológico Español”, apunta Santiago asegurando que foi unha honra que pensaran nel. Para recollelo, estivo acompañado pola súa nai, Sara Gómez e por Raquel Gamallo coa organiza diferentes proxectos, xa que ademais de deseñar e fabricar xoias (levando a cabo todo o  proceso, dende o deseño en 3D ata o esmaltado e o engastado de xemas) tamén organiza eventos de moda e xoiería vencellados ao territorio.

 

Santiago coa súa nai, Sara, tras recoller o premio.

 

Despois de recoller o premio, e mentres planea os vindeiros proxectos (algún pode que recale en Valdeorras), Santiago está inmerso no proceso de creación da súa primeira colección para a venda a prezos competitivos, inspirada nos elementos da natureza (bolboretas, anfibios, nenúfares, serpes,…) e coas cores de inverno (zafiros amarelos,…) que distribuirá a través dun representante e tamén de Internet.

Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button