ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Santiago Villanueva: “As agrupacións de Protección Civil son un punto esencial na atención ás emerxencias en Galicia”

O director xeral de Emerxencias e Interior reuníase en Trives con representantes de Protección Civil e alcaldes deste municipio e de Manzaneda, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río

Na mañá deste 28 de febreiro o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, desprazábase ata A Pobra de Trives e alí mantiña unha reunión con representantes das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Pobra de Trives, Manzaneda, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río. Tamén participaba o presidente da agrupación provincial de voluntarios de Protección Civil.

 

Foto cedida.

 

“Nesta visita quería ver como funcionan este conxunto de agrupacións de Protección Civil e poñen en valor o seu traballo posto que constitúen un punto esencial de atención ás emerxencias na nosa comunidade xa que complementan os servizos profesionais, especialmente en lugares onde o servizo profesional dun parque de bombeiros está máis alonxado. Grazas a eles a poboación pode sentirse atendida”, indicaba Santiago Villanueva.

Aludía á colaboración dos 130 voluntarios que integran estas agrupacións en dispositivos tanto no seu ámbito municipal como fóra dos seus concellos para dar apoio e cobertura en grandes eventos e concentracións con aglomeracións de persoas, como é o caso das festas de Entroido na comarca, o Descenso Internacional do Sil ou o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas en Manzaneda. Tamén colaboran nos operativos na Estación Invernal de Manzaneda, onde a afluencia pode chegar ás 5.000 persoas durante a tempada de esquí, e que se levan a cabo sobre todo na fin de semana.

Ademais destacaba que os alcaldes son tamén unha parte esencial á hora de apoiar este tipo de agrupacións e que a Xunta está apostando por elas nos últimos anos “vendo as necesidades dos operativos e dotándoas de material de emerxencias, así como vendo as súas necesidades de formación”.

As agrupacións desta comarca forman parte das 73 que integran a rede de protección civil da provincia de Ourense e os seus efectivos atenden as incidencias durante as 24 horas do día. Debido á súa situación en concellos de montaña, o director xeral de Emerxencias sinalou a necesidade de que conten co material axeitado para a viabilidade invernal co que atender as incidencias que se produzan por neve e frío na rede viaria destes municipios.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

 

Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button