ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Santo Estevo (A Rúa) homenaxea a Severino Pérez polos 50 anos como párroco

Multitude de fieis asistiron ao acto que tiña lugar no mediodía do 15 de outubro na igrexa da Rúa Vella

O 15 de outubro de 1967, Severino Pérez Blanco tomaba posesión como párroco de Santo Estevo na Rúa. Cincuenta anos despois, un grupo de fieis decidían organizarlle unha homenaxe á que acudían numerosas persoas.

Veciños, fieis, representantes municipais, relixiosos e das forzas do orde, asistían así á eucaristía que no mediodía deste domingo, Severino presidía acompañado polo vicario xeral da Diócese de Astorga, José Luis Castro. Foi unha misa de “acción de grazas”, na que o propio vicario foi o primeiro en felicitar ao párroco polas “vodas de ouro”, no seu nome e tamén no do bispo. Xa na homilia, o homenaxeado deu as grazas aos asistentes asegurando emocionado que “vos fostes o para que do meu ministerio pastoral nestes 50 anos e seguiredes séndoo o tempo que me quede”. Lembrando a súa chegada, asegurou sentirse “dende o primeiro momento acollido como mensaxeiro de Deus” lembrando que “hoxe é un día de gozo e reflexión”. Con moitos dos aistentes compartíu momentos únicos “días tristes, enfermidades, penas, despedida de seres queridos pero tamén días de festa e alegría”, lembrando que “este templo é importante, non só polo valor das tallas senón polos cultos que aquí se celebran, especialmente a Semana Santa”.

A este culto fixo tamén referencia, Manuel Martínez, quen en representación de toda a parroquia, adicou unhas emotivas palabras de agradecemento ao párroco “por todo o que nos deu”, facendo especial fincapé no empeño por conservar, recuperar e mellorar a igrexa e as imaxes que nel se conservan. El mesmo foi quen explicou que “para non cometer o erro de darnos conta do que temos unha vez que o perdemos, quixemos rendirlle esta emotiva e merecida homenaxe a D. Severino”.

Como en toda homenaxe que se precie, non faltou o agasallo, unha fermosa reprodución da igrexa de Santo Estevo feita en barro da zona. Tampouco faltou a comida, un xantar no adro da igrexa ao que todos os asistentes estaban convidados.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button