En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Santuario das Ermitas, referente do turismo cultural en Valdeorras

O presidente da Xunta visitaba o templo situado no concello do Bolo, na mañá do 2 de agosto

“Recuperar, poñer en valor e difundir a riqueza de lugares como este é un dos elementos clave para que Galicia siga avanzando cara a un destino turístico tranquilo e que apaixone, que ten como principais activos o patrimonio natural, histórico e cultural. Unha idea plasmada na Estratexia de Turismo de Galicia 2020, que ten como obxectivo acadar nesta data os seis millóns de visitantes”. Con estas palabra abría Alberto Núñez Feijóo a súa intervención no exterior do Santuario da Nosa Señora das Ermitas, trala visita institucional que o presidente da Xunta facía ao concello de O Bolo na mañá do 2 de agosto.

A visita comezaba en torno ás onde da mañá nunha céntrica rúa de O Bolo, preto do Concello e, de seguido, a comitiva institucional trasladábase ata a localidade das Ermitas, á beira do río Bibei, para facer un percorrido polo maxestuoso santuario barroco.

 

Foto de familia no adro do Santuario das Ermitas.

Acompañado polo alcalde de O Bolo, Manuel Corzo; polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; así como por diferentes personalizades relixiosas, o presidente da Xunta facía un completo percorrido polo exterior e polo interior do templo, guiado por José Vega, concelleiro de Cultura do Bolo e presidente da Cofradía do Santuario das Ermitas, que fixo un repaso polo devir deste templo encravado na rocha, de difícil acceso e fermosa estrutura.

E trala visita, chegaba o turno de intervencións que como bo anfitrión abría o alcalde Manuel Corzo, satisfeito e contento pola presenza do máximo mandatario autonómico a que lle deu as grazas publicamente. “Nestes intres non quero pedir, xa o fixen cando me recibiron nos seus despachos polos muíño fareleiro, o muíño aceiteiro cedido polo bispado, a microcentral con simulacro de produción de luz, o Plan Director que xa está en marcha,… accións que xunto coa posta en valor do Castelo e do Santuario, darían maior prestixio ao concello e á comarca de Valdeorras”. Corzo tamén destacou outras potencialidades do municipio como o Vía Crucis “coas súas 18 estacións, dos mellores de Europa”, ou os seus viños (especialmente o godello), así como o pasado educativo do Seminario co que contou durante anos o Santuario (no que el mesmo estudou), acusando en certa medida ao bispado por telo levado para A Rúa “deixáronnos sen nada”, dixo como quen non quere a cousa.

 

O concelleiro de Cultura do Bolo, José Vega, durante a visita guiada polo interior do templo.

A este respecto, o bispo de Astorga, Juan Antonio Menéndez, presente no acto, respondía que non foi que quitaran o Seminario senón que “marchou a xente”. Xa en referencia ao Santuario, o mandatario eclesiástico asegurou que “lugares coma este teñen que combinar catro cuestións: unha relixiosa que deu orixe a este edificio; outra cultural e artística pola arte que aquí se agocha; unha terceira ecolóxica e paisaxística vinculada aos viñedos en terrazas que aquí se dan; e unha turística, xa que pode ser un motor importante, sempre que non desapareza a vida humana”.

O último en intervir era o responsable do Executivo autonómico que falou precisamente do futuro turístico de Galicia antes de centrarse no motivo da súa visita: o Santuario das Ermitas, que se atopa en proceso de rehabilitación. Nese sentido Feijóo lembrou que despois de ser declarado Ben de Interese Cultural, en 2012 comezouse a desenvolver o Plan Director “un proxecto no que se investiu case 1,4 millóns de euros para devolverlle a súa beleza orixinal reconstruíndose o muro, mellorándose os pavimentos e as instalacións básicas e embelecéndose as fachadas do trazado do Vía Crucis das que se recuperaron as imaxes relixiosas”.

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo durante a súa intervención.

Nesta liña, o presidente da Xunta afirmou que esta posta en valor completarase con outras actuacións, entre as que destacou a mellora das condicións de conservación do seu patrimonio documental, a reparación da cuberta da igrexa, a revisión dos sistemas eléctricos e medidas para garantir a estabilidade da estrutura. “Con todas estas actuacións aseguramos que o Santuario da Nosa Señora das Ermidas gañe forza como o principal imán turístico da comarca”, aseverou, subliñando que, ademais destas obras de recuperación e mellora, o Concello do Bolo está na axenda da Xunta coa pavimentación da rúa central do concello e a mellora da praza pública; e “temos que buscar xunto coa Deputación como rehabilitar os tres muíños das Ermidas”, concluíu asegurando de “como bo estudante do Seminario, Corzo sabe latín e unha vez que logrou as melloras para o Santuario e para O Bolo, está centrado na súa rehabiliación”.

A visita á que asistían veciños do pobo e da contorna, remataba cun aperitivo no exterior do antigo Seminario.

Fotos: Carlos G. Hervella, salvo a última da galería.

Máis información e fotos no seguinte enlace: https://osil.info/visita-institucional-ao-santuario-da-nosa-senora-das-ermitas-bolo/

Artigos relacionados

Back to top button