Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A pianista Sarah McKenzie abarrota o Café Latino de Ourense no festival de jazz

A música jazz acadou todo o seu esplendor en Ourense da man da pianista australiana Sarah McKenzie e o seu cuarteto, que actuaba onte, luns 9 de maio, no Café Latino. Os amantes das melodías de contrapunto non faltaron a esta cita, facendo que o local quedase escaso por momentos. Esta actuación enmárcase dentro dunha nova edición do Festival de Jazz de Primavera que celebra o propio Café Latino na Praza de Santa Eufemia.

McKenzie é unha das actuais referencias do jazz a nivel internacional. Oriunda de Melbourne (Australia), reside actualmente en París (Francia). Tocou nalgunhas das salas máis importantes de todo o mundo e visitou estos días Galicia para actuar neste festival ourensán de iniciativa privada. Tal foi a acollida por parte do público, que algúns dos siareiros non dubidaron en plasmar en fotografías o momento de despois do concerto coa gran estrela da noite. O idioma, dada a procedencia estranxeira da artista, non foi impedimento algún para felicitala pola súa interpretación en directo.

Os artistas deste xénero seguirán pasando polo escenario ourensán ao longo do mes de maio, sendo o próximo concerto o vindeiro luns 16. Neste caso, estará sobre as táboas o pianista estadounidense Benny Green acompañado do seu trío de jazz. A cita será, como vén sendo habitual, ás 22.30 horas, e a entrada ten un custe de 15 euros.

Texto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button