OurenseÚltima hora

Sarabela celebra 40 anos de traxectoria estreando “A lingua das bolboretas”

Con guión e dramaturxia de Gonçalo Guerreiro, esta obra presentarase o 16 de setembro no Auditorio de Ourense

Acto de presentación da nova montaxe de Sarabela Teatro./ Cedida.

 

A compañía ourensá Sarabela Teatro presentará esta semana no Auditorio de Ourense a súa última montaxe, A lingua das bolboretas. Trátase da primeira adaptación da novela orixinal de Manuel Rivas, con dirección de Gonçalo Guerreiro. Fernado Dacosta, Elena Seijo, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto/César Goldi (dobre reparto) e Fran Lareu asumen a interpretación da que é a cuarta incursión da compañía ourensá nos textos de Rivas e coa que o colectivo celebra 40 anos de traxectoria sobre os escenarios.

Esta mañá presentábase na cidade do espectáculo, nun acto que contaba coa asistencia do director e integrantes de Sarabela Teatro, o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o técnico de Cultura do Concello de Ourense, Manuel Freire.

Cunha dramaturxia asinada tamén por Gonçalo Guerreiro (Elefante Elegante), na que establece un exercicio de intertextualidade con outro escrito de Rivas, A traxectoria do balón; en A lingua das bolboretas reflíctese a entrañable relación entre un mestre, Don Gregorio, e un neno, Pardal, co impacto que xera entre eles o estalido da guerra civil e facendo partícipe ao receptor da historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas.

A obra representarase no Auditorio o mércores 16 e o xoves 17 ás 21:00 horas, con aforo limitado a un máximo de 60 persoas, con mascarillas e sempre cumprindo coas indicacións da orde de 2 de setembro da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button