CulturaCulturaÚltima hora

Sarabela estrea “Ensaio sobre a cegueira” no Auditorio de Ourense

A compañía ourensá porá en escea a adaptación da obra de José Saramago os días 24, 25 e 26 de setembro
Cartaz da adaptación de Sarabela Teatro da obra de Saramago.
Cartaz da adaptación de Sarabela Teatro da obra de Saramago.

O xoves 24 de setembro a partir das 21 horas, Sarabela Teatro estreará no Auditorio Municipal de Ourense a súa nova obra “Ensaio sobre a cegueira”, unha adaptación da famosa novela homónima do escritor José Saramago publicada hai vinte anos e Premio Nobel de Literatura (1998). Unha obra que arranca cun home parado diante dun semáforo en vermello que fica cego subitamente, converténdose no primeiro caso dunha “cegueira branca” que se expande de maneira fulminante. Internados en corentena ou perdidos na cidade, os cegos terán que enfrontarse co que existe de primitivo na natureza humana: a vontade de sobrevivir a calquera prezo.

A presentación desta última creación da compañía ourensá tiña lugar na mañá do 21 de setembro e nela estiveron presentes a concelleria de Cultura, Belén Iglesias; o director do Agadic, Jacobo Sutil; o encargado da realización e dirección da cinematografía, Gaspar Broullón; e a responsables da dirección e dramaturxia desta adaptación, Ánxeles Cuña. No acto, a responsable de Cultura do Concello de Ourense destacou a colaboración da institución municipal “coa creación cultural, sobre todo tratándose dunha compañía como a ourensá Sarabela, que neste 2015 cumpre 35 anos”.

Á parte da estrea, “Ensaio sobre a cegueira” pasarase tamén o venres 25 e o sábado 26 ás 20:30 horas. Ademais, o público volverá ter a oportunidade de ver esta adaptación no mes de decembro, con funcións previstas para os días 1, 2 e 3.

As entradas para este espectáculo están á venda en www.ataquilla.com.

Artigos relacionados

Back to top button