CulturaCulturaÚltima hora

Sarabela representará “A lingua das bolboretas” o 20 de xuño en Verín

Unha das escenas da obra “A lingua das bolboretas” de Sarabela Teatro./ Imaxe: Sarabela Teatro.

 

O vindeiro 20 de xuño, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín acolle a representación teatral da obra “A lingua das bolboretas”, baseada nunha obra de Manuel Rivas e dirixida por Gonçalo Guerreiro. As entradas, que xa están á venda en www.ataquilla.com, teñen un prezo de 5 euros.

A peza amosa o proceso de aprendizaxe que emprende o neno protagonista da man do mestre da escola, don Gregorio (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo), e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

A través da entrañable relación que manteñen don Gregorio e o neno vaise descubrindo paulatinamente ante o espectador a beleza daquelas realidades cotiás que pasan inadvertidas (como o mundo dos insectos), facendo partícipe ao receptor da historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas.

A representación conta cun elenco formado por Fran Lareu, Fernando Dacosta, Fina Callelja, Sabela Gago, Josito Porto e Elena Seijo.

Artigos relacionados

Back to top button