OurenseÚltima hora

Sarabela Teatro estreará mañá, no Auditorio de Ourense, a súa nova obra “Morgana en Esmelle”

Ánxeles Cuña dirixe a adaptación da xornalista e escritora Begoña Caamaño, que reescribe o mito cunha ollada contemporánea

Presentación da nova peza de Sarabela Teatro.

 

A compañía ourensá de teatro Sarabela estreará mañá, 17 de setembro, no Auditorio Municipal de Ourense, a súa nova montaxe Morgana en Esmelle, baseada na obra literaria de Begoña Caamaño e dirixida por Ánxeles Cuña.

O espectáculo supón o regreso á dirección de Cuña, que estará á fronte dun elenco formado por Fernando Dacosta, Laura Míguez, Fina Calleja, Sabela Gago, Quico Cadaval, Elena Seijo e Nate Borrajo. Levarán á escea a adaptación dun texto orixinal da xornalista e escritora Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014), unha obra que, explica a compañía, reescribe o mito cunha ollada contemporánea, achegando unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda.

A obra xira en torno a Morgana, a medio irmá e amante de Artur que entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade. Coa súa dor e coas lembranzas de Merlín vaise tecendo o fío da memoria ata descubrir as razóns últimas da ruína de Avalon e da caída de Camelot.

 

Cartel na nova obra de Sarabela.

 

Morgana en Esmelle é unha reflexión que xira ao redor da responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos. Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente?

Recoñecida como unha das compañías máis consolidadas de Galicia, Sarabela Teatro leva 40 anos de traballo incesante no que o compromiso coa realidade se manifesta en cada un dos seus espectáculos. Gañadora de 63 premios, entre eles 6 Compostela, 40 María Casares (os últimos cateo hai apenas unha semana), 5 Fetén ou 1 Max, entre outros.

A obra representarase os días 17, 18 e 19 de setembro. As entradas custan 8 euros e consonte á actual normativa sanitaria, o aforo será do 50%.

 

Artigos relacionados

Back to top button