OurenseÚltima hora

Sarabela versiona a Ionesco na súa nova obra “O Rei morre”

A peza estreararse o vindeiro venres 15 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense
Acto de presentación da nova obra de teatro de Sarabela.

“Unha metáfora do tirano que se aferra ao poder”. Deste xeito define Ana Vallés “O Rei morre”, a nova obra que vén de dirixir para a compañía ourensá Sarabela Teatro e que se estreará o venres 15 de setembro ás 21h. no Auditorio Municipal de Ourense. Esta peza, unha versión libre do texto orixinal de Eugene Ionesco, presentábase na mañá do 11 de setembro nunha rolda de prensa na cidade que contaba coa presenza do elenco da compañía, do director da Agadic, Jacobo Sutil, do alcalde ourensán, Xesús Vázquez, e da concelleira de Cultura, Belén Iglesias.

“O Rei morre” está dirixida por Ana Vallés, directora de teatro e actriz, cofundadora de Matarile Teatro e que, entre outros, ten galardóns coma o premio de honra ABRENTE da mostra internacional de teatro de Ribadavia (MIT). Na parte interpretativa están o elenco composto por Fonso Míguez, Fina Calleja, Sabela Gago, Nate Borrajo e Fernando Dacosta. Este último salientou que “entrar na poética de Ana Vallés é un regalo para todos nós pola precisión e o traballo co corpo”, dixo. Pero tamén destacou o carácter educativo e divulgativo desta “obra parateatral”.

 

Un dos momentos da rolda de prensa, no Concello de Ourense.

A estrea de Sarabela abre o telón de actividades no outono na cidade con citas coma o Piano Meeting, o ciclo de lírica, o OUFF, o Enclave de Cámara ou a Fito, tamén no eido das artes escénicas, “que fan de Ourense unha cidade viva, un depósito da cultura e un lugar fantástico para descubrir e gozar de todo o talento acumulado”, incidía Jesús Vázquez.

Sobre “O rei morre”, Jacobo Sutil comentaba que se trata dun novo desafío para a compañía ourensá, ao que se suma poñerse ás ordes dunha directora como Ana Vallés, “outro dos grandes nomes da escena do país”. Engadía que “esta asociación non é casual: estamos diante de dous enormes referentes da nosa escena que suman talento, sabedoría e experiencia neste novo espectáculo: por un lado, Sarabela, e por outro, Ana Vallés, precursora e aínda hoxe un dos mellores expoñentes do teatro máis innovador que se fai en Galicia”.

As entradas para “O rei morre” están á venda en ataquilla.com e na propia billeteira do auditorio dúas horas antes da función, que se repetirá o sábado 16 e o domingo 17 en horario de 20:30 horas. Sarabela volverá ás táboas con “O Rei morre” os vindeiros 29 e 30 de novembro e 1 de decembro.

Artigos relacionados

Back to top button