SanidadeSen categorizarÚltima hora

A saúde no ámbito local, analizada nunha xornada en Santiago

Levaba por título “A Saúde en todas as políticas. O seu desenvolvemento no ámbito local” e ten sido promovida pola Xunta e pola Fegamp

Pór en valor as políticas e accións doutros sectores diferentes ao sanitario que teñen un impacto en saúde. Con ese obxectivo vén de organizarse a “I Xornada A Saúde en todas as políticas. O seu desenvolvemento no ámbito local” o 4 de outubro en Santiago, promovida dende a Xunta de Galicia e a Fegamp. Nela sinalábase que o sector saúde non pode traballar de maneira illada senón que son necesarias abordaxes intersectoriais que coordinen as intervencións que poidan ter repercusión na saúde, o benestar e a calidade de vida. Neste senso, o ámbito municipal adquire unha importancia capital por seren o máis próximo á poboación e por ter os gobernos locais competencias en políticas con influencia directa na saúde da poboación (urbanismo, cultura, deportes, seguridade,…).

No acto inaugural do encontro participaban o conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuiña; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o alcalde barquense Alfredo García; e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. Esta xornada pretende ser un punto de encontro para as políticas públicas en todos os sectores que de maneira sistemática ten en conta as implicacións na saúde que teñen as decisións que se toman, busca sinerxias e evita impactos prexudiciais para a saúde co fin de mellorar a saúde da poboación e a equidade en saúde.

Jesús Vázquez Almuíña referíase na súa intervención á necesidade de “reformular cal é o papel que os distintas administracións públicas e organizacións cidadáns xogan na procura da saúde da nosa xente”. E incidía en que as políticas de prevención e control das enfermidades non transmisibles son moi importantes en comunidades como Galicia, “que se encontra nunha encrucillada onde unha elevada esperanza de vida xunto cunha baixa natalidade desembocan nunha poboación envellecida, sendo as enfermidades crónicas as que predominan, algo que xa se recoñeceu na reunión de alto nivel da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) de 2011”.

Artigos relacionados

Back to top button