En portadaÚltima hora

A seca e os incendios no oriente ourensán, no Parlamento galego

A deputada socialista Noela Blanco defendía no pleno do 17 de outubro unha moción que pedía un plan urxente con “medidas concretas para loitar contra a seca”, pero non saía adiante ao votar en contra o grupo popular

 

Imaxe do encoro do Bao en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Hoxe está en xogo o medio de vida de moitas familias que ven en perigo as súas explotacións. Non falamos só de presente, senón de futuro pois están en risco moitas novas incorporacións en zonas de montaña e desfavorecidas”. Así concluía a súa primeira intervención a deputada ourensá socialista Noela Blanco ao defender unha moción que pedía a “posta en marcha dun plan urxente consensuado coa Fegamp, organizacións ecoloxistas e agrarias, con medidas concretas para loitar contra a seca”. Tamén solicitaba axudas directas por superficie para os viticultores afectados polas xeadas e a saraiba, así como “establecer liñas de crédito do Igape para que as explotacións gandeiras e vitícolas poida facer fronte aos gastos”.

 

A deputada Noela Blanco, do partido socialista.

A parlamentaria socialista comezaba referíndose á vaga de lumes. “No rural ourensán mudaron as cousas, ás condicións meteorolóxicas témoslle que engadir agora o drama que vivimos nestes días”. E proseguía dicindo que “o rural non existe para este goberno ata que hai unha catástrofe, e ás veces, nin así”. Blanco criticaba ademais as axudas aprobadas no Consello da Xunta da pasada semana. “Son medidas que xa están en marcha ou que foron aprobadas con anterioridade e as axudas para construír estruturas para o abastecemento de auga xa veñen incluídas nos plans de mellora dende hai anos”.

Na moción presentada Noela Blanco pedía axudas directas que lle permitan aos gandeiros comprar forraxe para os animais e para que os viticultores poidan paliar a caída da colleita. Tamén reclamaba liñas de crédito do Igape ou un plan urxente consensuado coa Fegamp e as organizacións ecoloxistas e agrarias con medidas concretas contra a seca, ademais de adaptar os seguros agrarios á realidade da estrutura produtiva galega. Incidía na problemática da seca que afecta ao oriente ourensán, “unha zona especialmente devastada por este fenómeno” e citaba varios exemplos para amosar a situación límite que viven gandeiros e apicultores.

Noa Presas, deputada do BNG, durante a súa intervención no pleno.

De seguido interviña, en representación do BNG, Noa Presas, quen resaltou a “negativa incidencia da seca en concellos como Viana do Bolo, A Veiga ou Vilariño de Conso. Primeiro unhas condicións climáticas, que non meteorolóxicas, moi específicas do clima ourensán e logo a alta reincidencia negativa ano tras ano dos incendios”. Criticaba a “falta de previsión e a política de abandono do goberno galego”. E engadía que “temos unha proposta para mellorar a moción do PSdeG de cara a ter axudas directas para os custos extraordinarios de alimentación de gandería e apicultura, porque non poden esperar un mes máis a ver se adiantan as axudas da PAC. Ante circunstancias extraordinarias requírese de medidas e respostas extraordinarias”.

 

O deputado de En Marea, Davide Rodríguez.

En representación de En Marea tomaba a palabra o deputado Davide Rodríguez, que comezaba citando unhas palabra dun gandeiro de Vilariño de Conso sobre a necesidade de resposta da Administración galega ante a problemática da seca que vive o sector agrogandeiro, á que agora se suma a dos incendios. “Lugo e Ourense aínda hoxe seguen a arder, nos concellos do oriente ourensán da zona cero da seca está ardendo, pode ser que ao longo do día de hoxe queden todos os incendios extinguidos, máis o dano que se lle fixo á nosa terra vai quedar aí para moitos anos”. Criticaba a “improvisación” e “incompetencia da Xunta para atallar os incendios forestais” e cualificaba de “politizado” o sistema de extinción. “Non houbo medios nin materiais nin humanos e estas zonas foron totalmente arrasadas”. Ademais lía unha carta do alcalde de Manzaneda, quen contaba a súa experiencia ante a falta de medios para facer fronte un incendio de varios centos de hectáreas en Cernado.

 

O deputado popular José González.

Por parte do PP, interviña o deputado González Vázquez, quen respondía dicindo que “nos tamén vivimos e sufrimos o rural. Onte estiven en incendios forestais, ao pé da xente e tamén das nosas familias e das nosas propiedades que están no rural”. Asegurou que “falamos dunhas circunstancias climatolóxicas tremendas, como moi ben sinalou a conselleira. E os que estivemos nos lumes estes días saben perfectamente do que estamos a falar”. Con respecto ás medidas que se solicitaban na moción socialista comentaba que “boa parte destas medidas que recollen xa se debatiron na comisión, nunha iniciativa onde o PP votou a favor e os demais grupos abstíveronse. Estaba recollido establecer liñas de crédito do Igape, que xa se aprobaron. E temos o informe do consello do 11 de outubro no que se recollen todas estas medidas”, aseguraba.

Finalmente, Noela Blanco facía de novo uso da palabra para “aceptar a emenda do BNG” e “agradecer o apoio deste grupo e de En Marea e creo que tamén do PP posto que xa se presentou e están facendo esas medidas”. Sen embargo, a moción resultaba rexeitada ao votar en contra os deputados populares

Artigos relacionados

Back to top button