OurenseÚltima hora

A sección primeira da Audiencia reubícase en setembro no Pazo de Xustiza

O persoal trasladarase ao cuarto andar tras as obras acometidas pola Xunta ao abeiro do Plan de Eficiencia Enerxética dos edificios xudiciais
No centro da imaxe, Manuel Pardo e Marisol Díaz Mouteira, durante a visita á Audiencia.
No centro da imaxe, Manuel Pardo e Marisol Díaz Mouteira, durante a visita á Audiencia.

Á volta das vacacións, novo emprazamento. A sección primeira da Audiencia Provincial de Ourense reubicarase a mediados do mes de setembro no cuarto andar do Pazo de Xustiza, tras o acometido das obras que a Xunta programou ao abeiro do Plan de Eficiencia Enerxética e Obras Menores dos edificios xudiciais.

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, visitou as instalacións para comprobar o seu estado e ver o resultado das melloras. Así, acompañada do xefe territorial de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Manuel Pardo, percorreu as dependencias da Audiencia na compaña de membros da xudicatura ourensá.

“Con estas actuacións beneficiaranse tanto os traballadores das institucións xudiciais, que gañarán en confort e facilidades para desempeñar as súas funcións, como a cidadanía en xeral, dado que as melloras a realizar contribuirán a incrementar a calidade do servizo prestado aos usuarios”, sinalou Díaz Mouteira.

Por outra banda e dentro do mesmo plan, tamén se prevén outras actuacións como o acondicionamento dun espazo para a creación dunha aula de formación para persoal xudicial, que estará dotada con 25 postos de ordenador. De igual xeito, estímase a habilitación do antigo xulgado do social número 1 como sede da Xunta Electoral provincial e a instalación dunha válvula automática para o peche da auga xeral de cara a evitar posibles inundacións.

Artigos relacionados

Back to top button