CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Séchu Sende aborda en Carballal (Petín) o aspecto sociolingüístico da poesía de Florencio Delgado

A segunda conferencia do ciclo FDG deste ano, tiña lugar na tarde-noite do 22 de novembro

 

Seguindo a liña da primeira edición, o Ciclo de Conferencias Florencio Delgado Gurriarán desenvólvese en adegas da comarca de Valdeorras. A primeira, a cargo de Xosé Manoel Rodríguez (Membro da Fundación Carlos Velo), tiña lugar na Adega d’Berna en Córgomo (Vilamartín); e a segunda, celebrada na tarde-noite do 22 de novembro, na Adega Carballal no concello de Petín.

Ata alí se desprazaron os asistentes, entre os que estaban a alcaldesa de Petín Raquel Carballo que fixo de presentadora, o presidente do IEV Aurelio Blanco, o Irmán Maior da Irmandade de Florencio Ángel Fernández, e concelleiros de Petín, A Rúa e O Barco, para escoitar as verbas do conferenciante, Séchu Sende, en torno á lectura da poesía de Florencio reparando no seu aspecto sociolingüístico.

 

Asistentes á conferencia de Séchu Sende na Adega Carballal.

 

De feito Séchu (escritor e profesor de lingua e literatura natural de Padrón, A Coruña), asegurou non ser un experto en Florencio, pero si ter interese pola aportación sociolinguística do autor valdeorrés. “Para Florencio, que deu a súa vida polo galego, este idioma non é só un medio de comunicación, senón que é emoción, afectividade e acción (motivación, coñecemento e uso), valores que en pleno século XXI, vexo na súa obra”, dixo o profesor, asegurando que tamén cumpre un traballo social. “A súa literatura paréceme interesante para promover a lingua entre as novas xeracións porque lles permite saber o que aconteceu no século XX, con oportunidades e contradicións que existen tamén hoxendía”.

Sende rematou a súa intervención asegurando que “tedes sorte de contar cunha figura literaria como Florencio Delgado e estou seguro que terá o seu Día das Letras Galegas”. Ademais, animou aos asistentes a seguir co traballo. “Se para vos é importante, iniciativas como esta son necesarias, porque ao final trátase dunha decisión política e os políticos actúan se hai presión social”.

O broche á velada poñíao unha vez máis a desgustación de petiscos e viño de Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button