CulturaCulturaEducación

O secretario de Estado de Educación visita o CEIP Amadeo Rodríguez Barroso de Ourense

Este é un dos 14 centros da provincia que, por primeira vez este ano, estenderon o plurilingüismo á etapa de Infantil e incorporan a Robótica ao seu plan de centro

O Colexio de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso, en Ourense, recibiu hoxe, 26 de xaneiro, a visita do secretario de Estado de Educación e Formación Profesional e Universidades, Marcial Marí e do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Acompañados ambos os dous polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira e da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Dende que abriu este centro no ano 2010 nunha zona de expansión demográfica en Ourense, este centro educativo foi incorporando unha serie de programas que contribúen a reforzar a calidade educativa que se ofrece aos máis de 400 alumnos que alí aprenden.

Precisamente, no marco galego da Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, posta en marcha pola Consellería, este centro é un dos 14 de Ourense que este ano estenderon o plurilingüísimo á etapa de Educación Infantil (dende o 2013 era só na etapa de Primaria), informan dende Educación. Tamén conta cun auxiliar de conversa en inglés. Asemade, está dentro da rede Abalar, con aulas dixitalizadas e con Robótica dentro do seu plan de estudos.

No marco dos contratos-programa, o Rodríguez Barroso desenvolve o proxecto PROA ( de Reforzo, Orientación e Apoio) con acompañamento escolar fóra do horario lectivo a aqueles alumnos que precisen reforzar determinadas competencias; así como outro proxecto específico para a mellora da convivencia e a promoción da igualdade.

O secretario de Estado de Educación puido coñecer de primeira man algunhas das iniciativas que se están a desenvolver no centro, e que abranguen traballos concretos “para tratar e previr conflitos, dinamización dos recreos e tempos de ocio, promoción da participación de todo o alumnado e especialmente dos colectivos máis vulnerables, e fomentar valores, actitudes e prácticas que permiten avanzar na integración e o respecto á diversidade”, informan dende a Consellería de Educación.

Tamén resaltan que cómpre destacar que na posta en marcha de todas estas iniciativas xoga un papel fundamental o equipo docente do centro que, á súa vez, participa no Plan de formación permanente do profesorado en dous ámbitos como son a metodoloxía para o traballo das competencias clave e a integración didáctica das TIC mediante traballo colaborativo en rede.

Artigos relacionados

Back to top button