ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Secundino Fernández, alcalde de Viana: “A moción de censura parécenos unha fraude á cidadanía”

O rexedor considera que a veciñanza deste municipio "non votou no 2019 para que houbera un goberno do PP e do PSOE"

O alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, nunha sesión plenaria./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Para o alcalde nacionalista de Viana do Bolo, Secundino Fernández, a moción de censura, presentada este martes polo PP e por dous concelleiros no adscritos, constitúe “unha fraude á cidadanía de Viana do Bolo, que no 2019 non votou para que houbera un goberno do PP e do PSOE como é o que van facer agora. Por moito que digan e que falen, isto é unha cuestión que o PSOE avala dende a localidade e avaliou todo o tempo. Aínda o pasado venres tivemos nunha xuntanza na que houbo direccións do BNG e do partido socialista e na que estaban os dous concelleiros non adscritos porque os levou o PSOE”, asegura o rexedor.

Secundino Fernández tamén cualifica de “absurda” a argumentación da exposición de motivos da moción de censura. “Non ten base real ningunha. Din que houbo un desgoberno, cando levamos gobernando dende hai cinco anos e no último ano seguímolo facendo e resolvendo os problemas da cidadanía, por exemplo, xa se asinou o convenio ante notario da estrada de San Agostiño, cuxo proxecto está feito e pendente de adxudicar pola Deputación provincial. Logo está toda a actuación que tivemos na pandemia, sendo dos primeiros que demos mascarillas á poboación, que repartimos aos negocios e ás residencias. Tamén están o Plan IDAE, con máis de 200.000 euros para cambiar todas as luminarias, xunto con outras obras… Todo iso estase facendo dende o goberno en minoría, con catro concelleiros, ogallá que tiveramos un goberno de coalición, cousa á que nunca puidemos chegar co partido socialista, non houbo posibilidade, gustaríame saber como é o goberno ideal para eles”.

Ademais, o rexedor vianés defende a “dinámica informativa” realizada dende o Concello de Viana publicando “todo o que fai, fomos sempre claros e transparentes”. E destaca que se sente respaldado pola cidadanía vianesa, algo di, que se vén de reflexar nas últimas eleccións autonómicas.  “O BNG sacou un bo resultado en Viana, que aumentamos nun 50% o resultado electoral con respecto a hai catro anos, e fumos a única forza política que subiu. Viron que a pesar de todo ese boicot continuo non houbo tampouco ningún castigo social, ao contrario, temos a sensación no día a día de que a xente nos apoia e considera que o estamos facendo ben e que debería haber un acordo coas dúas forzas políticas tamén e nós así o expresamos e o dixemos nos medios”.

Nesa liña, engade Secundino Fernández, situábase a reunión celebrada na pasada semana “para intentar reconducir todo iso, pero para que dúas persoas falen ambas teñen que querer, e neste caso non querían falar con nós porque o seu obxectivo era desbancarnos, mandarnos á oposición. Iso era o que tiñan pensado facer e así o están facendo”, conclúe o rexedor vianés.

 

Artigos relacionados

Back to top button