CulturaCulturaEntroido 2021Última hora

Segredos de Pantón aposta por recuperar o antigo Entroido das ribeiras do Cabe

Imaxe de ilustracións realizadas por Sonia Álvarez Carnero sobre os personaxes do Entroido do Cabe./ Cedida pola Asociación Segredos de Pantón.

 

 

O Entroido do Cabe era unha festividade propia das parroquias de San Fiz de Cangas (Arribada) San Xoán de Frontón (Frontón, Lornís e Seragude) e San Romao de Acedre (Budián), as tres na provincia de Lugo. Dende a Asociación Segredos de Pantón tense colleitado material sobre esta tradición e a súa intención é poder volver a festexalo.

“Certo é que vai ser complicado dar feito todo xa que son 3 parroquias que simultaneamente festexaban o mesmo Entroido, pero si que gustaríanos poder recrealo e ir facelo en tódalas parroquias onde antano foi tradición facelo”, explican dende esta entidade.

Unha das singularidades deste Entroido era o teatro, no que se representaban ata tres tipos de obras:  partixas onde facían que dividían as fincas, casamentos (e o que facía de cura levaba un touciño por diante e outro por detrás) e partos, onde homes facían de mulleres, empregando cebolas para os peitos e de barriga puñan un gato e logo facían o “parto”.

No Entroido do Cabe podían verse dous tipos de personaxes. Por unha banda estaban os Van de branco/ Dama e Cabaleiro/Mázcaras. “A denominación na aldea de San Romao de Acedre é van de branco e na San Fiz de Cangas e en San Xoán de Frontón é dama e cabeleiro ou mázcaras. Algúns eran delicados feitos para lucir a roupa boa coma os traxes, con almohadóns coma bandas no peito con encaixe. Na cabeza levaban un sombreiro, con forma cónica con bandas de cores”, segundo a Asociación Segredos de Pantón. Tanto os homes como as mulleres levaban a cara cuberta e ás veces puñan follas de hedra nos pantalóns ou nos mantos (estes últimos as mulleres).

Por outra banda, estaban o Farranquí/ Farramplán/Meco, con vestimenta vella e cencerros (ou outros elementos sonoros) na cadeira, así como unha barra man. Tamén levaban caldeiros con cinsa. “A denominación en San Romao de Acedre é farranquí e en San Fiz de Cangas é farramplán ou meco ao igual que en San Xoán de Frontón. Este persoanxe é o rei do Entroido, incluso participaba na morte do Entroido e nos Xoves de Compadres e Comadres”, indican dende a asociación.

Artigos relacionados

Back to top button