ConcellosQuirogaÚltima hora

Segue medrando o espazo libre no centro de Quiroga

 

O Concello de Quiroga continúa aumentando o espazo libre que ten no entronque da rúa Real coa rúa Lago. “Este espazo vai ser aumentado en 46 m2 tras a adquisición dun terreo que quedaba facendo esquina. Para levar a cabo esta compra aprobouse esta mañá, en sesión plenaria, a dotación do orzamento preciso”, segundo se informa dende o Concello.

A Administración Local comezou a traballar nesta zona no pasado ano 2020, cando adquiriu un terreo abandonado de 191 m2 cunha edificación en ruínas. Contando cunha achega económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dentro do plan HURBE púxose en marcha a intención de contribuír a facer o centro da vila máis “útil e bonito”.

“Meses máis tarde, a este espazo uniuse outra parcela cunha edificación con expediente de ruína e da que os propietarios non se facían cargo. Tras máis de dous anos e ante a negativa dos propietarios a facerse cargo da súa demolición ou deixar actuar ao concello, tivo que aplicarse a normativa subsidiaria. Unha vez que se cumpriu con todos os trámites administrativos, incluída a publicación en boletíns oficiais, finalmente foi o xulgado o que autorizou que o concello puidese entrar nesta propiedade privada”, segundo informa o Concello de Quiroga.

Agora a este espazo, que está baleiro e acondicionado, únese este novo terreo. Dotado xa con bancos e árbores está complementándose cun gran mural que se está pintando nunha das fachadas e que representa a unha peregrina do Camiño de Inverno, ruta Xacobea que pasa xusto por diante deste terreo.

Artigos relacionados

Back to top button