En portadaÚltima hora

Seguen activos os incendios de Valdeorras e de Pradoalbar (Vilariño de Conso)

Unha das zonas afectadas polo incendio forestal no Barco./ Foto: A.R.

 

Máis dunha semana leva ardendo Valdeorras e tamén a zona de Pradoalbar (Vilariño de Conso). Neste sábado continúan activos estes dous incendios forestais, segundo os datos que facía públicos esta mañá a Consellería do Medio Rural, actualizados ás 8:30h. de hoxe. No caso do lume iniciado en Riodolas (Carballeda de Valdeorras) o xoves 14 de xullo, segundo Medio Rural, lévanse queimado unhas 10.500 hectáreas. Onte desactivábase o nivel 2, o que significa que se considera que o lume xa non pon en perigo núcleos de poboación.

Este lume causaba numerosos desaloxos, entraba en diferentes localidades dos concellos de Carballeda, Rubiá e O Barco, mobilizando a veciñanza para loitar contra as chamas nos pobos, arrasando casas e outro tipo de construcións nas aldeas, ademais de terreos cultivados con castiñeiros ou viñedo, colmeares, e por suposto, superficie forestal. Ademais, este incendio forestal entraba no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) e pasaba á veciña provincia de León.

 

Incendio de Pradoalbar (Vilariño de Conso)./ Foto: @Brif Laza.

 

Na súa extinción teñen traballado ata agora 14 técnicos, 89 axentes, 172 brigadas, 79 motobombas, 5 pas, 12 avións, 13 helicópteros e a Unidade Militar de Emerxencias (UME), segundo Medio Rural.

No caso do incendio forestal de Pradoalbar (Vilariño de Conso), que afecta ao Parque Natural do Invernadeiro, as chamas levan queimadas 5.800 hectáreas, tal e como acaba de informar Medio Rural. Este lume ten tamén mobilizado a veciñanza nestes días para evitar que as lapasen alcanzasen e danasen zonas como granxas.

Nos traballos para extinguir este incendio levan traballado, segundo Medio Rural, 5 técnicos, 58 axentes, 118 brigadas, 52 motobombas, 5 pas, 9 avións e 13 helicópteros.

Artigos relacionados

Back to top button