En portadaÚltima hora

Seguen prohibidas as reunións de non conviventes no Barco

Así se recolle no decreto que vén de ser publicado no DOG tras a reunión do Subcomité clínico esta mañá

Unha da rúas do Barco.

 

Malia á boa evolución que está a ter a situación epidemiolóxica na provincia de Ourense, e especialmente no concello do Barco, o Subcomité clínico decidía na xuntanza mantida esta mañá manter “unha semana máis as restricións vixentes nos diferentes concellos ourensáns”. Así o sinalaba o conselleiro de Sanidade, Julio García e así se reflexaba no decreto da Consellería de Sanidade que acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Nel mantéñense, entre outras, as limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados en determinados ámbitos territoriais, entre eles o concello do Barco. “A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes, nos concellos da Coruña, Arteixo, Lugo, Pontevedra, Poio, Marín, Santiago de Compostela, Teo, Ames, Vigo, Ferrol, Narón, Fene, Neda, Ourense, Barbadás, Verín, Oímbra, Vilardevós, O Barco de Valdeorras, en todos os concellos da comarca do Carballiño (Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea) e no concello de Vimianzo”.

O decreto tamén matiza que “esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produza por motivos de asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade”.

Así mesmo, “esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso de práctica de deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento”.

O novo decreto pode consultarse aquí:

AnuncioC3B0-301020-1_gl

 

 

Artigos relacionados

Back to top button