CD BarcoDeportesFútbolGalerías de fotosUD OurenseÚltima hora

Segunda derrota consecutiva para o CD Barco en Calabagueiros

Co 0-1 se resolvía o partido ante a UD Ourense que fóra aprazado na xornada 14ª de terceira división

 

Os rapaces de Manolo Pérez non están pasando polo mellor momento da liga en terceira división. Apenas catro días despois e perder no último minuto do encontro ante o Rápido de Bouzas, o CD Barco volvía caer en casa, de novo pola mínima, ante a UD Ourense de Fernando Currás.

Ás oito da tarde deste mércores 17 de febreiro, comezaba no campo barquense de Calabagueiros o derbi provincial entre os dous equipos vermellos, que fora adiado na xornada 14ª por positivos no conxunto ourensán. Cunha intensa chuvia, os dous equipos saltaban ao terreo de xogo moi necesitados dos tres puntos en xogo. O Barco para non quedar descolgado dos postos de play off; a UD Ourense para escapar da zona de descenso; e finalmente o 0-1 (primeira vitoria a domicilio da tempada para os ourensáns) foi o resultado máis xusto.

 

 

Na primeira parte do encontro, os locais tiñan o control do balón pero non do xogo, sen chegar a lograr nada. Pola contra, os ourensáns eran os que marcaban na última acción da primeira parte (gol e Champi no 44′). Tralo descanso, xa sen chuvia, mantíñase a tónica do partido aínda que a entrada de Vera daba algunha ocasión nova ao Barco, que non chegaba a transformar.

Así, con poucas ocasións para ámbolos dous equipos, e a expulsión de Amin por dobre cartón amarelo, o colexiado pitaba o final do encontro co cal o Barco suma a segunda derrota consecutiva en casa, perdendo moitas opcións de meterse nos postos de play off. A falta de cinco partidos para o final da primeira fase, o conxunto barquense queda con 23 puntos, a 1 da UD Ourense e do Rápido de Bouzas, ámbolos dous equipos cun partido menos.

A seguinte cita para o Centro de Deportes Barco será o 28 de febreiro (xornada 18ª), no campo do Ribadumia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button