OurenseÚltima hora

Segunda vitoria consecutiva para Alejandro Fernández na San Martiño

O atleta ourensán suma así a súa cuarta vitoria na carreira popular de Ourense que este ano reunía a 11.000 corredores

Cunha gran sorpresa remataba a carreira absoluta da 42 edición da carreira pedestre popular San Martiño celebrada na mañá do 18 de novembro na cidade de Ourense.

O atleta luso Nuno Costa dominaba a proba ao longo dos 10 quilómetros de percorrido, liderando a cabeza case ata o final. O local Alejandro Fernández, gañador da pasada edición, pisáballe os talóns, pero non era ata case a meta cando conseguía sobrepasalo nun asombroso sprint final que o coroou como gañador absoluto desta edición da carreira de casa. Cun tempo de 30:30 Álex entraba en meta nunha soleada mañá de mediados de novembro, aclamado pola afección. Catro segundos máis tarde facíao Nuno Costa, subindo ao terceiro caixón do podio Manuel Hurtado que empregaba 30 minutos e 56 segundos. Con respecto á categoría feminina, Solange Pereira era a máis rápida (34:45), seguida por Marta Casanova, a gañadora do ano pasado (35:04) e Ester Navarrete (35:14).

A carreira absoluta era a primeira en saír, dende unha abarrotada Ponte do Milenio, coa secretaria xeral para o Deporte Marta Míguez dando o pistoletazo de saída. Entre os corredores, xente de toda Galicia, moitos da comarca de Valdeorras e tamén da Pobra de Trives. Os seguintes, eran os máis de 3.000 nenos que participaban na carreira escolar. Na saída, coma sempre os membros do Campus Ourense Rugby suxeitaban aos cativos desexosos de comezar a correr en canto José Antonio Álvarez, presidente da Federación de ANPA’s de Ourense, deu a saída.

Con tres cuartos de hora de diferenza arrancaba a carreira dos cativos con miles de nenos (moitos acompañados por adultos) e Ángel Fidalgo, responsable técnico da delegación ourensá da Federación Galega de Atletismo, na pancarta de saída. E finalmente, case inmediatamente despois, tiña lugar a saída da novidade deste ano, a carreira inclusiva (para os máis pequeniños e persoas con diversidade funcional), co pistoletado de saída a cargo do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na que tamén houbo unha alta participación.

En total, case 11.000 atletas de todas as idades e de toda Galicia e incluso doutros lugares, coverteron a Ourense no epicentro do atletismo popular. A San Martiño consolídase así como unha das carreiras con máis movemento da comunidade, onde se mestura o deporte e a festa.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button