Cun minuto de silencio polo falecemento de Rosa e Francielly (as xoves da Rúa que perdían a vida nun accidente de tráfico en Chile), e do pai do delegado do Rúa, Avelino, comezaba o partido de fútbol correspondente á terceira xornada de liga en segunda autonómica.
Con moita afección na bancada e a pé de campo, o Aguillón acollía na tarde do 23 de setembro o choque entre o C.D. Rúa e a S.D.C. Arrabaldo, o segundo partido da tempada en casa para os rueses que tamén por segunda vez saían vitoriosos.
Tras un encontro máis ben igualado marcando polo calor malia estar xa en outono, os goles chegaban xa no tempo de desconto. Primeiro marcaba Armando e de seguido era Juan que poñía o 2-0 no marcador.
Con este resultado, os de Javi Ferrer suman a segunda vitoria da tempada, situándose no 5º posto da clasificación. A vindeira semana viaxarán ata Vilamarín.
Fotos: Mónica G. Bellver.