SanidadeÚltima hora

Seis casos confirmados en Galicia de coronavirus e outros oito pendentes de confirmación, un deles en Ourense

Catro dos positivos corresponden á área sanitaria de Vigo e dos dous restantes á da Coruña, segundo Sanidade

O conselleiro de Sanidade, intervindo na rolda de prensa deste domingo.

 

A cifra de persoas afectadas polo coronavirus en Galicia ascende a un total de seis, é dicir, hai dous máis confirmados polo Centro Nacional de Microbioloxía. Así o vén de confirmar o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña en rolda de prensa. Catro deles corresponden á área sanitaria de Vigo e dos dous restantes á da Coruña. “A porcentaxe é de 0,22 pacientes por 100.000 habitantes, moi por baixo da media española”, dicía o conselleiro.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, comparecía ante os medios acompañado polo subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada Vidal; e pola xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria da Coruña, María José Pereira Rodríguez.

As análises realizadas no Hospital Álvaro Cunqueiro, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, confirman “a infección dun novo caso que mantén vínculo estreito cos outros positivos detectado na área sanitaria de Vigo. Trátase dunha muller que se mantén asintomática e, despois de ser explorada no centro hospitalario, manterase con seguimento hospitalario no seu domicilio, seguindo os protocolos establecidos polo Ministerio de Sanidade. Así mesmo, seguindo os protocolos do Ministerio, a muller e o menor que deran positivo nas análises en Vigo permanecen asintomáticos e trasladáronse ao seu domicilio, para continuar con asistencia hospitalaria a domicilio”, segundo informa Sanidade.

O outro caso positivo confirmado polo Centro Nacional de Microbioloxía é o “dun varón de 81 anos con varias patoloxías previas que se atopa ingresado no centro hospitalario e non tiña viaxado a ningunha das zonas xeográficas consideradas de risco”, engade a consellería.

Ademais Almuiña incidía en que Galicia segue “nunha fase de contención”. E tamén facía balance do número de chamadas recibidas ata o de agora sobre esta enfermidade en Galicia, un total de 2.383, e da cifra de probas de laboratorio, unhas 295. A Direccion Xeral de Saúde, seguindo os protocolos acordados co Ministerio de Sanidade, xa iniciou o estudo de contactos para previr novos contaxios.

Oito casos pendentes de confirmación

Actualmente en Galicia hai un total de oito casos que están pendentes de confirmación por parte do Centro Nacional de Microbioloxía de infección por coronavirus. Do total destes oito casos, seis están en illamento domiciliario e outros dous permanecen no hospital.

“Na Coruña hai un total de sete casos pendentes de confirmación. Cinco destes casos teñen un vínculo epidemiolóxico cun dos positivos confirmados nesta área, os outros dous casos non teñen vínculo epidemiolóxico entre eles nin tampouco con ningún dos positivos. A Direccion Xeral de Saúde mantén aberta a investigación dos contactos para previr novos contaxios”, indica Sanidade.

Tamén en Ourense estáse pendente de confirmación por parte do Centro Nacional de Microbioloxía dun caso importado que deu positivo nunha primeira análise. Trátase dunha muller de 35 anos que non presenta sintomatoloxía e que permanece ingresada no Complexo Hospitalario de Ourense.

Recomendacións sanitarias

Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto.

 

No caso de persoas procedentes dunha viaxe ou que estivesen en contacto con persoas que veñan dunha área de risco e presente síntomas (tos, febre ou dificultade respiratoria), recoméndase que non acuda directamente ao hospital nin ao centro de saúde senón que contacte telefónicamente co 061.

 

Artigos relacionados

Back to top button