DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Seis metais para o Club Peña Trevinca Barco na proba de orientación disputada en Oleiros

A carreira, celebrada sobre o mapa de Liáns, era a terceira da Liga Galega de Orientación a pé 2019

Cun total de seis medallas regresaban esta fin de semana os membros do Club Peña Trevinca do concello coruñés de Oleiros. Alí, sobre o mapa de Liáns, disputábase o 1 de xuño a terceira proba da Liga Galega de Orientación a pé 2019, unha carreira que serviu para decidir asemade o Campionato Galego de Score de Orientación a Pé (modalidade que consiste en percorrer o maior número de balizas posible nun tempo estipulado para cada categoría.

Tal como explican dende o club valdeorrés, os orientadores enfrontáronse nesta ocasión “a un mapa semiurbano, de desnivel medio co condicionante engadido das elevadas temperaturas e o desafío que supón calcular cantas balizas se poderán percorrer sen pasarse do tempo establecido para non ser penalizado”.

Con respecto aos resultados do Club Peña Trevinca Barco, Mailén Aller Pfirter e Olalla Vázquez Martínez subían ao alto do podio nas súas respectivas probas e categorías (F12 e INI Curta, respectivamente). As dúas medallas de prata eran para Iago Trigo Vázquez en M16, Xan Trigo Recarey en M50 e Ariadna Conde Vázquez en INI Curta; e a de bronce, para Lisardo Vázquez Fernández en M21B.

A cuarta proba da liga celebrarase o vindeiro sábado 15 de xuño sobre o mapa de Nerga, no concello pontevedrés de Cangas.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button