ConcellosÚltima hora

Seis novos proxectos valdeorreses do sector primario e turístico reciben axudas Leader

Trátase dunha queixería, de dous aloxamentos turísticos, a recuperación de adegas e a creación de apartamentos turísticos, segundo informa o GDR Valdeorras

A presidenta do GDR7 e alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González/ Foto: A.R.

 

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Valdeorras vén de aprobar axudas Leader para seis novos proxectos produtivos nesta comarca. A xunta directiva desta asociación, que presidente a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González; celebraba o 2 de setembro unha xuntanza para darlle luz verde aos proxectos da convocatoria 2020-2021 do Programa Leader. Resultaban aprobados seis proxectos de tipoloxía produtiva que supoñen un investimento no territorio de 1.127.249,20 euros, segundo informa o GDR.

Nesta convocatoria o GDR Valdeorras dispón dunha dotación orzamentaria de 520.039,33 euros que axudará a poñer en marcha os citados seis proxectos produtivos que obtiveron unha porcentaxe de axuda do 50% do orzamento total aceptado. A creación destas empresas suporá a consolidación de 8,63 postos de traballo e a creación de 7,75 empregos na comarca.

Os proxectos aceptados son os seguintes: Queixería en Castromao (A Veiga), aloxamento turístico A Pontevella en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), aloxamento turístico Albergue Montañas de Trevinca (A Veiga), recuperación de adega tradicional para ofrecer servizos turísticos e enoturísticos en Seadur (Larouco) e para a elaboración de viño en Seadur, e apartamentos turísticos en Tremiñá (O Barco).

Tamén na reunión dábanse a coñecer as futuras actuacións que este GDR levará a cabo no marco do convenio asinado pola Consellería do Medio Rural e a Vicepresidencia da Xunta para poñer en marcha medidas e actuacións contra a violencia de xénero, ao amparo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. “Nesta ocasión, contratarase a representación de obras de teatro de monicreques, cunha temática de concienciación sobre esta problemática”, adianta a presidenta do GDR7 Valdeorras, María Carmen González.

 

Artigos relacionados

Back to top button