CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Seis orquestras animarán as Festas do Cristo do Barco que se celebrarán do 13 ao 17 de setembro

O programa abrirase o mércores coa lectura do pregón na praza Maior a cargo de José Luis Gómez “Victoria”
Os membros da comisión de festas na presentación do programa. /Foto: Mónica G. Bellver.

Nin dúas nin tres. Seis serán as orquestras que este ano animarán as Festas do Cristo que se celebrarán no Barco de Valdeorras do 13 ao 17 de setembro. Así o adiantaba a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta na presentación do programa que tiña lugar na tarde do 6 de setembro na Casa da Xuventude. Alí, acompañada polos membros da comisión que colaboraron na elaboración da programación, Pizcueta asegurou que foron “sete meses de intenso traballo” que deron como resultado un programa “variado, cun pouco de todo e para todos”, no que ademais das orquestras, haberá actividades culturais, outros estilos musicais (bandas, charangas, grupos de pop e rock,…) e deporte. Para poder consultar a programación, haberá nas rúas tres carteis: un coas actividades de día, outro coas actuacións de noite e outro coas infantís.

Entre as novidades desta edición das festas está o percorrido teatral “Polos camiños do tempo” e a recuperación do Día de Valdeorras “no que agás a orquestra, todas as actuacións serán da comarca ou con relación coa comarca”, asegurou Margarida, engadindo que o programa da TVG “Aquí Galicia” retransmitirá dende O Barco o sábado 16 a partires das catro e media da tarde. Con respecto ao pregoeiro deste ano, o elixido é José Luis Gómez “Victoria” adestrador de baloncesto; e a autora do cartel, Reme Remedios, unha pintora vinculada co Barco que elaborou unha obra “sinxela e directa” centrada nas Calantornias.

O programa arrancará o mércores día 13, ás 20 horas co pasarrúas a cargo da charanga Airiños de Portela acompañada polas Calantornias e os cabezudos dende o Teatro Lauro Olmo. O final do percorrido estará na praza Maior onde terá lugar a lectura do pregón e o chupinazo. Ese día actuará a orquestra El Combo Dominicano en sesión de tarde e verbena.

 

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, xunto a dous membros da comisión. /Foto: Mónica G. Bellver.

O día do Cristo, 14 de setembro, abrirase coma sempre co Madrugón e posteriormente o pasarrúas da charanga Os Pamplinas coas Calantornias que tamén acompañarán á procesión coa imaxe do Nazareno prevista para as 12h. seguida da misa na praza Maior. Unha hora despois, a Banda de Música de Celanova dará un concerto na praza do Sagrado que repetirá pola tarde. A orquestra Chárleston Big Band actuará en sesión de tarde e verbena e entre medias terán lugar os fogos artificiais dende o Malecón.

Para o venres 15 de setembro, está previsto o Día de Valdeorras que comezará co pasarrúas da charanga Os Imparables e continuará coa apertura dunha mostra e venda de produtos na zona do Casino. Pola tarde Os monicreques de Kukas porá en escena no Teatro Lauro Olmo a obra “A frauta máxica no maxín” e unha hora máis tarde arrancará a segunda xornada de “Polos camiños do tempo”. Ese día o baile no campo da festa correrá por conta da orquestra Costa Oeste en sesión de tarde e verbena, e entre medias actuarán a agrupación de música e baile tradicional Abertal e os grupos locais Big Crunch! e The Black Wings.

 

Programas de man das Festas do Cristo do Barco. /Foto: Mónica G. Bellver.

O son da charanga Terras do Bibei marcará o inicio da xornada festiva do sábado 16 de setembro, o día no que as pandillas do Barco se xuntarán un ano máis á beira do Sil, nunha sesión vermú amenizada polo grupo de versións Los Íñigos a partires das 12h. A esa mesma hora, o Mago Antón fará o primeiro pase do seu espectáculo de maxia nun trailer/ sala instalado na praza do Concello (o segundo pase será pola tarde). O sábado será tamén o día deportivo por excelencia, co 51 Descenso do Sil e das orquestras coas actuacións ininterrumpidas de Bahía e José Costas e do grupo Assia que volverán actuar de madrugada. E entre medias, ás 23h. na praia fluvial do Malecón arrancará o concerto estrela deste ano a cargo do grupo barcelonés Elefantes. As galegas Agoraphobia serán as teloneiras.

E así chegamos ao derradeiro día de festas, o domingo 17 de setembro, con pasarrúas da batucada Xituma Batuke, unha xornada de orientación, un obradoiro de pintura comestible (11:30h. no Malecón) e a actuación da Banda de Música do Barco. Pola tarde, celebrarase a 31 Milla Urbana e o C.D. Barco disputará o partido de liga ante o Ribadumia. Ás 19h. haberá un concerto de Mamá Cabra na praza Maior e no campo da festa a orquestra Fania Blanco Show porá o broche ao programa.

Máis información na edición en papel do Especial Festas do Cristo do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button