DeportesEn portadaÚltima hora

Seis rutas para coñecer o Parque Natural do Invernadeiro

Está situado no concello ourensán de Vilariño de Conso e abrangue preto de 6.000 hectáreas

 

Descubrir o patrimonio natural e os valores ambientais que atesoura en terras de Vilariño de Conso o Parque Natural do Invernadeiro é posible a través de seis rutas. Inclúense nuns folletos informativos que vén de editar a Consellería do Medio Ambiente deste parque natural, pero tamén do resto dos existentes en Galicia. “Esta é unha das medidas que recolle o Plan de promoción e posta en valor do Patrimonio Natural; xunto co novo servizo de atención aos visitantes nos parques naturais de Galicia, cuxo obxectivo é a concienciación ambiental da sociedade e a divulgación e promoción do turismo de natureza sostible”, sinalan dende Medio Ambiente.

 

Actividade infantil no Parque Natural do Invernadeiro.

 

O Invernadeiro pertence á comarca de Viana e linda coas de Terra de Trives e Verín, no centro-oriental da provincia. Este parque natural está conformado polos vales dos ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, afluentes do Camba e pertencentes á conca do Sil, e encadrado polas serras de Queixa e Fial das Corzas, con picos de máis de 1.600 m. Abarca preto de 6.000 hectáreas e foi declarado Parque Natural, o cuarto da Comunidade, o 2 de xuño de 1997. En extensión, é o terceiro maior dos parques naturais tras o Xurés (Ourense) e as Fragas do Eume (A Coruña), de case 30.000 e 9.125 hectáreas respectivamente. De feito, O Invernadeiro localízase a apenas a dúas horas en coche do Xurés e doutro dos parques naturais da provincia de Ourense: a Serra Enciña da Lastra.

 

Un dos espazos deste parque natural situado no concello de Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Así, neste parque os visitantes teñen a posibilidade de recorrer un total de 6 rutas circulares de sendeirismo, dúas de dificultade baixa, dúas de media-alta e dúas de alta. Suman 42,5 quilómetros de sendas, entre as que destaca a Ruta da Ortiga, a máis longa en lonxitude (22 quilómetros) e un tempo estimado de camiño de sete horas; seguida da Ruta da Aceveda, de oito quilómetros recorribles en oito horas; e a máis curta das seis, a Ruta da Corga ou do Depósito, que só ten dous quilómetros e basta unha hora e media de tempo para andala a pé.

 

Vista panorámica do Parque Natural do Invernadeiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende a Consellería de Medio Ambiente lémbrase que un dos principais atractivos do Parque Natural do Invernadeiro son as poboacións de corzos, cabras bravas e cervos que moitos dos visitantes teñen a fortuna de ver. Ademais, o seu carácter illado, afastado dos núcleos de poboación, favorece o contacto íntimo coa natureza e a singular experiencia de escoitar o silencio. Tamén destacan as Rutas da Auga e das Troitas, que permiten admirar a beleza dos ecosistemas fluviais do Río Grande; e a pegada do pasado etnográfico e industrial marcado pola presenza da Papeleira Española.

 

Artigos relacionados

Back to top button