OurenseÚltima hora

Seixalbo, o primeiro barrio cardioprotexido de Ourense

Na iniciativa colaboran o Clube Deportivo Seixalbo, a Asociación de Mulleres Rurais Santa Águeda, a Mancomunidade de Montes en Mancomún de Seixalbo e a Asociación Veciñal San Breixo
Presentación da iniciativa en Seixalbo.

Coa adquisición dun desfibrilador que estará a disposición dos servizos de emerxencia e de calquera usuario que o precise, a iniciativa dos propios veciños, Seixalbo será o primeiro barrio cardioprotexido de Ourense.

En caso de emerxencia cardiorrespiratoria, a actuación nos primeiros minutos pode ser crucial para evitar danos irreversibles e incluso a morte do afectado. Por iso, un grupo de voluntarios e voluntarias de Seixalbo realizarán un curso de formación en primeiros auxilios e de manexo do desfibrilador, que esta preparado para un manexo sinxelo e intuitivo por calquera persoa cun mínimo aprendizaxe.

A idea inicial xurdía dun xove xogador do Clube Deportivo Seixalbo, Pablo González, que inmediatamente foi asumida polo equipo. Unha iniciativa que foi apoiada por distintos colectivos de Seixalbo: Asociación de Mulleres Rurais Santa Águeda, Mancomunidade de Montes en Mancomún e Asociación Veciñal San Breixo.

O obxectivo é que a compra se faga mediante aportacións voluntarias polas propias xentes do lugar, coa pretensión de que “sexa a propia veciñanza a que sinta partícipe deste compromiso, demostrando unha vez máis o carácter solidario deste lugar, así como a decidida aposta polo ben común e colectivo, como leva demostrado desde hai décadas, desde aquel histórico preito que solidariamente librou o pobo de Seixalbo no século XIX para a supresión das rendas forais, ata os movementos veciñais máis recentes para a consecución de obras, melloras ou equipamentos para a mellora da calidade de vida no noso rural”, explican dende o barrio.

Para financiar esta iniciativa, e para conseguir unha colaboración o máis horizontal e extensa posible, poñerán á venda unha pulseira polo prezo simbólico de tres euros, que poderá ser adquirida en calquera dos colectivos organizadores, mantendo as cores do C.D. Seixalbo.

Artigos relacionados

Back to top button