Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A Semana Cultural As Eiroás reflexiona sobre os incendios

O programa inclúe obradoiros infantís, presentacións, conferencias e proxeccións do 29 de agosto ao 2 de setembro

Ao redor do monte, dos recursos agrarios e forestais e da problemática do lume xiraba unha das conferencias incluídas no programa da “Semana Cultural 2016-As Eiroás”, que se desenvolve do 29 de agosto ao 2 de setembro. A ponencia levaba por título “Prevención de incendios forestais. Análise e reflexión do lume nas Eiroás 2015” e impartíana Raquel Carreira, J. Manuel García e Rafael Cudeiro na tarde do 31 de agosto no local da Asociación de Veciños As Eiroás, deste barrio ourensán.

Na exposición falaban das masas forestais actuais, da lexislación actual, así como dos riscos e custes do lume (económicos e medioambientais). Asemade aportaba unha serie de recomendacións para previr os incendios e sobre como actuar diante dun traballo de extinción e explicaban como se investigan os incendios. A partir de aí abordaban o incendio que afectaba ás Eiroás o ano pasado, explicando con imaxes e planos, onde e como se iniciou e se desenvolveu o mesmo, así como as particularidades que tiveron en conta nos labores de extinción.

Ademais desta conferencia o programa da “Semana Cultural” incluía obradoiros infantís e merendas saudables, proxeccións audiovisuais e outras presentacións como “Unha viaxe á Galiza céltica” por conta de Paco Boluda. Os actos concluirán na tarde do 2 de setembro coa conferencia “Marabillas do ceo”, a cargo de Víctor M. Pérez Vázquez e cunha observación do ceo nocturno coa colaboración do Observatorio El mirón del cielo.

Fotos cedidas pola AAVV As Eiroás.

Artigos relacionados

Back to top button