EconomíaEconomíaÚltima hora

A I Semana Vitivinícola de Galicia reunirá a 40 investigadores relacionados co sector

A cita, que se fará en Ourense do 5 ao 8 de xuño, mestura eventos e relatorios para profesionais con actividades para introducir á poboación na cultura vitivinícola
Rosendo Fernández, Jesús Vázquez e Juan Manuel Casares. // Foto: Carlos Asensio.

Viticultores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal daranse cita en Ourense, entre o 5 e o 8 de xuño, na I Semana Vitivinícola de Galicia. Un encontro organizado pola Estación Viticultora e Enolóxica de Galicia (EVEGA) en colaboración coa Deputación e o Concello de Ourense. “Queremos achegar o viño á sociedade galega”, dixo o director de EVEGA, Juan Manuel Casares, na presentación de hoxe, 31 de maio.

Este evento vitivinícola mesturará unha serie de actividades técnicas como o “I Encontro de Viticultura Galicia- Norte de Portugal”, dedicado a persoal investigador, ou o “Obradoiro práctico de Formación de expertos en análise sensorial”; con actividades para a poboación xeral con entrada libre. Entre estas está a Mesa do Faladoiro O Viño e a Cultura Galega; a de “A viticultura heroica” ou a de “Novas tendencias en marketing e innovacións tecnolóxicas na viticultura”. Como dixo Juan Manuel Casares, “un dos meus obxectivos con este evento é apuntalar a cultura do viño entre a xente xa que Ourense é a capital da provincia vitivinícola de España”. A todas estas actividades sumaranse catas de caldos.

Os escenarios elixidos para esta cita serán o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Liceo de Ourense e La Molinera e nel, cifrou Casares, encontraranse máis de 40 investigadores da Eurorrexión, haberá 32 relatorios, entre os que destacou o de Vicente Salés, presidente da Organización Internacional do Viño ou a de Joan Richard, de “The Wine Intelligence”. Asemade, haberá 24 entidades vitivinícolas diferentes a nivel galego e portugués, tres universidades de Portugal e dúas de Galicia así como dez entidades colaboradoras.

Tanto o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, como o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, salientaron nas súas intervencións a importancia de que esta cita sexa na capital das Burgas xa que, “catro das cinco D.O. de Galicia están na provincia”, lembrou Rosendo Fernández. Asemade, Vázquez lembrou que este sector “é un elemento substancial e imprescindible da historia de Ourense” e lembrou que tamén é un sector que “ten grandes retos ante si”, referíndose ás recentes xeadas que destrozaron as colleitas de uva.

Indicación Xeográfica Protexida

O director de EVEGA salientou que, ademais das Denominacións de Orixe, hai que salientar tamén as Indicacións Xeográficas Protexidas do viño, que son a de Valdoviño, Barbanza e Ribeiras do Morrazo, que tamén estarán presentes nesta primeira edición da Semana Vitivinícola de Galicia.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button