En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Sen cambios nas concellerías no Barco, onde só terá dedicación exclusiva o alcalde

A Corporación barquense celebraba un pleno extraordinario organizativo na tarde do 24 de xuño no que tamén xuraba o seu cargo o concelleiro popular Francisco González Rodríguez

Tras a sesión constitutiva o 15 de xuño da nova Corporación barquense, que preside o socialista Alfredo García, na tarde do 24 de xuño celebrábase neste concello un pleno extraordinario e organizativo. Nel tomaba ademais posesión o edil popular Francisco González, que por motivos de saúde non puido asistir á anterior sesión. Despois acordábase, por unanimidade, fixar unha periodicidade mensual para os plenos, que serán, con carácter xeral, o primeiro xoves de cada mes, agás no caso de agosto, no que non se celebrarán.

Tamén se aprobaba a distribución de áreas do grupo de goberno, idénticas aos do anterior mandato: Concellería de Cultura e Educación (Margarida Pizcueta Barreiro), Concellería de Deporte, Xuventude e Participación Cidada (Aurentino Alonso Araujo); Concellería de Promoción Económica, Turismo, Comercio e Consumo (Irene Dacal Feijóo); Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade (Orlando Luis A. Saavedra Cantillana); Concellería de Medio Ambiente (Diana Urdangaray Díaz); Concellería de Obras e Parques Infantís (Miguel Neira Ojea), Concellería de Xardíns (Cristina Domínguez Rodríguez); Concellería de Cemiterio e Medio Rural (Jesús Jares Almeida) e Concellería de Abastecemento, Saneamento e Limpeza (Alicia Álvarez Fernández).

 

Alfredo García, alcalde do Barco, durante o pleno.

Entre os asuntos da orde do día tamén figuraba a determinación dos concelleiros que exercerán os seus cargos con dedicación exclusiva ou parcial. A única dedicación exclusiva será a do alcalde do Barco, Alfredo García, como nas anteriores lexislaturas, cun salario de 3.083 euros brutos mensuais (en 14 pagas), e establécense cinco dedicacións parciais para os concelleiros de Obras, Xardíns, Cemiterio, Abastecemento e Turismo. Ademais figura un cargo de confianza. Este punto saía adiante cos dez votos a favor do socialistas, coas abstencións dos cinco edís do PP e cos votos en contra do concelleiro do BNG e do de Riada Cidadá.

Así mesmo poñíase en coñecemento dos integrantes do pleno o nomeamento dos membros da xunta de goberno local, formada polos concelleiros Margarida Pizcueta, Aurentinon Alonso, Irene Dacal, Orlando Saavedra e Diana Urdangaray. Como primeiro tenente de alcalde nomeouse a Aurentino Alonso e como segundo a Margarida Pizcueta.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button