ConcellosÚltima hora

Sen clases, no CEIP de Manzaneda

A ANPA acorda que os nenos non acudan ao centro en protesta pola introdución do servizo de catering neste curso
Protesta nas portas do CEIP Manzaneda, no día de inicio do curso escolar./ Foto: Carlos G. Hervella.
Protesta nas portas do CEIP Manzaneda, no día de inicio do curso escolar./ Foto: Carlos G. Hervella.

As aulas continúan baleiras no CEIP de Manzaneda. O día do comezo do curso escolar, o 10 de setembro, os pais acudían cos seus fillos ás portas do centro pero, como protesta pola decisión da Consellería de Educación de suprimir neste curso a praza de cociñeiro e introducir un servizo de cátering no centro, decidían voltar con eles para casa. Esa mesma medida manterana, nun principio, nesta semana, segundo anunciaba a ANPA o luns 15 de setembro, a través dun comunicado.

“Dende a Asociación de Nais e Pais opoñémonos totalmente a esta decisión pois coñecemos a experiencia do cátering noutros centros escolares e sabemos que non é satisfactoria e, polo tanto, solicitamos que a Consellería de Educación xestione directamente dito servizo, a través dun cociñeiro/a que elabore o menú in situ, evitando deste xeito que os alimentos que van a consumir as/os nosas/os fillas/os se vexan sometidos á perda de nutrintes nun traslado tan extenso. Vivimos nunha contorna rural porque escollemos un estilo de vida saudable e non imos permitir que o comedor da nosa escola sexa atendido por un servizo de comida preparada, que abusa de pratos precociñados no canto de produtos frescos”, aseguran na nota, na que tamén matizan que ese cátering viría dende Porriño (Pontevedra).

Asemade a ANPA lembra o incremento de matrícula neste colexio do oriente ourensán neste curso, xa que se pasou de 13 a 22 alumnos. “Pensamos que é un dato que debe ser tido en conta, non obstante, consideramos que un determinado número de comensais non é suficiente para pechar un servizo que está en funcionamento (na escola temos cociña, non hai que montala…), menos aínda cando non hai ningunha lei que estableza que os centros de menos de 25 alumnas/os teñan que pechar a cociña. Opinamos que os dereitos dos neno/as deben prevalecer por riba de criterios económicos”, insisten os pais.

Tamén lle piden á Consellería de Educación que atenda as súas demandas, que teña en conta “os dereitos das/os pequenas/os do rural e que non discrimine a nosa escola”. De non ser así, a ANPA ten intención de continuar con novas medidas “de oposición e denuncia ante o servizo de cátering, como recollida de firmas, “merendas-protesta”, non asistencia ás aulas e estamos dispostas/os a iniciar outro tipo de iniciativas” co fin de lograr que “o comedor da nosa escola sexa atendido do modo habitual, por un cociñeiro/a que elabore os menús dun xeito adaptado ás necesidades do alumnado”.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button