Entrevistas

“Sen infraestruturas non hai fluxos económicos”

O presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, asegura que é necesario que se concrete “dunha maneira rápida” a autovía A-76

 

Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Logo de dous intensos meses de viaxes e xestións, o novo presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, celebraba o 13 de xuño a súa primeira xunta directiva, na que expoñía os seus eixos de actuación, entre eles seguir fomentando a internacionalización. Tamén aposta por proxectos de eficiencia e certificación enerxética, por implantar tecnoloxías de información e comunicación (TIC) nas comarcas como experiencia piloto para fixar poboación e empresas, ou pola creación dun novo servizo chamado Punto de Activación Empresarial, que agruparía funcións de información, asesoramento, tramitación, formación e titorización, dirixidas especialmente a emprendedores e inversores. Para levalos adiante solicitou xa a colaboración da Xunta de Galicia.

Vén de asumir a presidencia da CEO nun momento económico especialmente difícil, ¿con que obxectivos afronta o mandato?

Cunha aposta importante pola internacionalización e tamén pola innovación. Nestes momentos de crise tan profunda fai falta que as empresas ourensás busquen mercado máis alá das nosas fronteiras máis inmediatas. Ao mesmo tempo, cremos que as pequenas innovacións nos produtos e nos procesos poden conseguir que nos diferenciemos dos competidores. Tamén pensamos facer da CEO unha especie de oficina de atracción de inversións para a provincia de Ourense. Ademais queriamos facer unha plataforma de información e xestión máis transparente, apoiada na nosa páxina web (www.ceo.es), para informar ás asociacións que forman parte da CEO e ás empresas asociadas daqueles proxectos que se están xestionando, para ter unha interlocución máis directa con elas e para que, dese xeito, se incorporen aos proxectos ou aporten suxerencias aos mesmos. En principio, esas son as liñas máis básicas, pero tamén pretendemos crear un departamento específico de atención ás asociacións e ás empresas asociadas para ter unha relación máis personalizada e directa con elas.

Houbo un cambio na presidencia, pero tamén no equipo de goberno, ¿como está formado e cal é a súa estrutura actual?
Os estatutos son os que regulan os órganos de goberno e, en concreto, o equipo de goberno está formado por presidente, catro vicepresidentes [o valdeorrés Javier Rodríguez Paradelo, Alejandro Cruz, José Manuel Díaz e José Luís Cid], o tesoureiro [Juan Manuel Piñeiro] e contador [Julio Andrés López]. Tesoureiro e contador xa teñen unha serie de competencias definidas nos estatutos, pero os vicepresidentes non tiñan unha función directa. Nós o que fixemos agora é un novo organigrama da CEO e asignamos aos departamentos unha supervisión dos vicepresidentes. É dicir, establecimos un organigrama un pouco diferente ao que había e fixemos que os vicepresidentes teñan competencias directas das que antes carecían.
O 3 de xullo presidirá a súa primeira asemblea xeral, ¿que asuntos se tratarán?
A orde do día inclúe a presentación das contas do ano anterior, a aprobación do orzamento e ademais comentaremos o que ten sido a nosa xestión ata agora e aqueles espazos que vemos que se poden abrir para potenciar a actividade económica.

Texto: Ángeles Rodríguez/Ourense

(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button