A RúaConcellosÚltima hora

Sensible incremento dos delitos telemáticos no concello da Rúa

O subdelegado do Goberno e o alcalde, Álvaro Fernández, copresidiron a Xunta Local de Seguridade que analizou a situación da seguridade cidadá e os datos de violencia de xénero no municipio

Xunta Local de Seguridade no Concello da Rúa.

 

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, copresidían na mañá deste venres 4 de xuño, a reunión da Xunta Local de Seguridade, para analizar e valorar a seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

No tocante á seguridade cidadá, o subdelegado do Goberno destacou a tendencia á baixa que presentan os datos correspondentes aos delitos graves e menos graves contra o patrimonio, ao igual que os delitos graves e menos graves contra as persoas no concello da Rúa. Sen embargo, constátase un incremento sensible dos delitos telemáticos.

Con respecto á cifra de infraccións administrativas, durante o ano 2020 no concello da Rúa produciuse un incremento, motivado en boa medida polos supostos de incumprimento da normativa decretada fronte a COVID-19 que deron lugar a propostas de sancións administrativas.

Emilio González sinalou que “o índice de criminalidade na Rúa mantense en niveis baixos, o que fai deste un concello seguro en relación a municipios de poboación similar”.

En canto aos datos presentados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, actualmente no concello da Rúa hai tres casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén). Todos eles presentan risco non apreciado e contan con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.

Acerca do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas informouse de que se están a retomar de xeito máis intenso as actividades formativas e preventivas nos centros escolares do municipio por parte dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, acoso escolar, violencia de xénero e prevención de condutas aditivas, entre outras temáticas.

Así mesmo, continuarase cos dispositivos de vixilancia nas inmediacións dos centros educativos para previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

 

Artigos relacionados

Back to top button