En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Sentida e emotiva homenaxe ao ferroviario Buenaventura Durruti no Barco

Diversos colectivos españois relacionados co ferrocarril escollían a vila valdeorresa para este acto o 14 de maio

“A Buenaventura Durruti, toda unha vida dedicada ao ferrocarril, en recoñecemento á túa traxectoria profesional e humana, con agarimo dos teus compañeiros e afeccionados españois ao ferrocarril, O Barco, 14 de maio de 2016”. Era a frase gravada na placa que este ferroviario leonés recibía de mans do alcalde do Barco, Alfredo García, nun emotivo e sentido acto de homenaxe que lle tributaban no Teatro Lauro Olmo da vila valdeorresa diversos colectivos españois relacionados co ferrocarril.

Deste xeito querían amosarlle o seu afecto e agradecemento a “esta memoria viva do ferrocarril”, sobriño do histórico dirixente anarquista morto na guerra civil. O acto, presentado por Luis Blanco Gómez, da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, encetábase coa proxección dun breve video no que podía verse a Durruti desenvolvendo a súa profesión. A continuación ían tomando a palabra Emilio Suárez García (ex técnico de loxística de Adif), Juan Gayoso Benigno (médico-presidente da Asociación FFCC de Vigo), Manuel Díaz Pavón (ex xerente de Renfe), Fernando R. Garrapucho (profesor da Universidade Pontificia de Salamanca) e, finalmente, Pedro Pintado Quintana (director da revista “Historia Ferroviaria”) que resaltaban a calidade humana e profesional de Durruti Santos. Xenerosidade, altruísmo, experiencia, capacidade de liderazgo, sabiduría… eran algunhas das cualidades que se destacaban no conxunto das intervencións. Tamén se aludía á relación do Barco co mundo do ferrocarril e á existencia na vila dun taller de “recuperación de vagóns histórico e único en Galicia”, Talleres Meleiro.

De seguido, Durruti recibía a placa conmemorativa e colocábase diante do micrófono para iniciar un breve, pero sentido discurso, que comezaba cunha lembranza “a todos os que nos teñen deixado”. Asemade subliñaba que, “para min, o máis grato, e téñoo sempre presente, é o recordo das vivencias que teño de todos vos, de todos os eventos nos que, por unha ou outra razón, temos participado cos distintos grupos e asociacións de amigos do ferrocarril. A miña gratitude polo trato dispensado e expresado coa vosa presenza, que nos honra como amigos do que nos une: o noso agarimo ao ferrocarril”.

O acto pechábase coa intervención do alcalde do Barco, Alfredo García, quen se incidía tamén nos valores e longa traxectoria profesional de Durruti e agradecía aos organizadores o feito de ter pensado na vila valdeorresa “para esta homenaxe tan merecida”. De seguido, os asistentes compartían un xantar no Restaurante Fernando III do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button