CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Sentida e fermosa despedida a “Paco O Pallaso”, en Vilardesilva

O actor valdeorrés Paco González, membro da compañía internacional Familie Flöz, falecía recentemente en Alemaña

No lugar no que nacía e materializaba un dos seus proxectos persoais, a Casa Chao do Prao en Vilardesilva (Rubiá), a familia e os amigos do clown Paco González rendíanlle unha emotiva e sentida homenaxe na tarde e noite do 22 de xullo, apenas unhas semanas despois da súa morte en Alemaña.

No interior da casa, unha exposición que percorría a traxectoria deste actor, máis coñecido agarimosamente como “Paco O Pallaso”, quen encetaba un novo camiño no mundo do teatro ao apostar por unha singular mestura entre o clown e as máscaras. Froito diso nacía un proxecto co que percorrería escenarios de todo o mundo: a compañía Familie Flöz. Con ela colleitaría éxitos como “Ristorante immortale” ou “Teatro Delusio”. Na mostra incluíanse imaxes e tamén obxectos persoais como algunhas das súas máscaras.

No exterior, pasadas as oito e media da tarde facíase unha lembranza conxunta da figura deste intérprete, tanto dende un punto de vista persoal como profesional. Abría o acto o seu irmán Antonio, quen agradecía a numerosa asistencia “sinal de que Paco era unha persoa moi querida, moi entrañable”. Tamén agradecía o apoio da súa familia e, despois, deixaba o micrófono a disposición de calquera que quixera dicir unhas palabras.

Comezaba así un longo turno de intervencións no que se lembraba de xeito agarimoso, con certas notas de tristeza, pero tamén con humor e mesmo poesía, diferentes facianas da personalidade e arte de Paco González. Non faltaban as anécdotas da súa vida en Vilardesilva, así como do seu traballo en Alemaña.

De xeito improvisado xurdía asemade unha actuación musical e proxectábanse diversas imaxes, así como dúas obras de teatro, as xa citadas “Ristorante immortale” e “Teatro Delusio”, que el interpretou.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button