ConcellosO BarcoÚltima hora

Sentido adeus á barquense Mar Blanco Gómez

A barquense Mar Blanco Gómez.

 

Era unha namorada do Barco, terra na que nacía hai 62 anos. Veciña da zona “de Cedie”, Mar Blanco Gómez, deixaba o seu pobo na mocidade para trasladarse a estudar Maxisterio a Lugo, pero non tardaría en volver. Casaba e tiña dous fillos (Gustavo e Carmen). Ademais de dedicarse á familia, co tempo dedicía emprender e montaba a súa propia tenda de roupa, no centro da vila. Despois, traballaría tamén como auxiliar na Fundación Valdegodos en Viana.

Sempre sorrinte, alegre e afable, Mar Blanco era unha persoa moi querida. “Tiña un don de xentes, era moi sociable”, destaca Luis, un dos seus catro irmáns. Ademais encantáballe escribir, publicando, por exemplo, na revista “Contrastes” de Pontevedra e mesmo nalgunhas ocasións no Periódico O SIL. Sentía especial predilección pola poesía e acostumaba participar no Encontro de Poetas de Valdeorras, promovido pola súa amiga María Carmen Gago Florenti. “Para min foi unha irmá polo afecto que nos tiñamos ambas, que era moi grande, eramos moi amigas dende nenas e xa o eran as nosas familias. Mar era unha moi boa persoa, xenerosa, moi emprendedora e traballadora, sempre disposta a axudar cando a necesitabas. E, no plano artístico, tiña moi boas capacidades para a escritura”, resalta tamén esta escritora.

Mar Blanco deixaba atrás o seu matrimonio, tras o divorcio e, co tempo, trasladábase ao sur de España, onde comezaba a traballar nunha inmobiliaria e, máis tarde, coñecía ao que sería o seu segundo marido, Eloy, que tamén refacía con Mar a súa vida xunto ao seu fillo Eloy, doutra relación.

Esta barquense mantivo a súa residencia en terras andaluzas, en Sevilla, pero sempre se sentiu do norte, de Valdeorras, e tiña moita morriña da súa terra. De feito, o seu segundo matrimonio veu celebralo a Xagoaza e tamén decidiu regresar ao Barco para tratarse dunha longa enfermidade coa que loitou ata o final pero á que non puido facer fronte. O pasado 7 de novembro, rodeada da súa familia e na vila que tanto quixo, Mar Blanco falecía.

A súa familia, amigos e coñecidos dábanlle o seu último adeus o 9 de novembro. Agora descansa na terra que tanto quixo, pero segue moi viva na memoria daqueles que a quixeron e tamén nos textos e poemas que escribiu. De feito, renderaselle unha especial homenaxe na vindeira edición do Encontro de Poetas de Valdeorras, na que volverá soar a súa voz.

Artigos relacionados

Back to top button