ConcellosEn portadaÚltima hora

“Sentímonos desesperanzados e abandonados”, di unha veciña da Veiga de Cascallá (Rubiá)

Tras as graves consecuencias do incendio de finais de xullo, a tormenta enchía de lodo e escorrentía da superficie queimada este e outros pobos próximos

Tormenta na Veiga de Cascallá na tarde de onte./ Cedida pola veciñanza da Veiga de Cascallá.

 

En apenas media hora, entre as 19h. e as 19:30h. de onte, 2 de agosto, unha intensa tormenta descargaba sobre as zonas do Castelo e A Veiga de Cascallá (Rubiá), dúas das localidades de Rubiá máis afectadas polo devastador incendio forestal de hai apenas dúas semanas en Valdeorras. “Na Veiga houbo unha forte tormenta e caeu algo de pedra, pero onde foi máis intensa e máis forte caeu foi no Castelo, o pobo que está por riba de nós. A auga mesmo chegou a arrastrar algún coche, segundo me comentaban esta mañá os veciños. O Castelo está no alto e a auga tamén arrastrou toda a cinza e toda a terra batida do incendio, porque agora non hai ningunha vexetación que teña conta da terra. Entón, na Veiga de Cascallá, todo iso encheu o caborco de Veigapequena completamente. A caldeira que hai, e que estaba completamente seca, desbordouse, subiu por riba dalgún dos muros de contención e asulagou algunha finca e entrou, polo menos, nas adegas de tres casas”, explica Concha, veciña da Veiga de Cascallá. Arredor das oito e media chegaban os bombeiros que estiveron axudando a limpar “nas casas e no camiño que vai da Veiga ao Castelo e volveron hoxe”, engade.

Esta veciña destaca que o acontecido era algo “absolutamente previsible despois dun incendio das características do que houbo aquí e tendo en conta que estamos no verán e que poden caer tormentas. Tras o incencio quedou absolutamente degradado e deteriorado o terreo, nada que non fora imprevisible, pero en todo este tempo, como antes e durante o incendio, pois vemos un absoluto abandono e despreocupación. Non hai ningún traballo técnico ou informe dende o punto de vista ambiental ou ecolóxico que oriente sobre como hai que proceder dende na recuperación de árbores, se queda algo por recuperar, ou na recuperación de territorio, do terreo. Entón estaba a superficie e a vexetación calcinada, e coa tormenta que tiña unha forza tremenda e produciu unha escorrentía abrumadora,  baixaron pedras, ramas, moita cinza…”.

 

Cedida pola veciñanza da Veiga de Cascallá.

 

Concha pensa que neste tipo de situacións debe haber unha anticipación por parte da administración. “Tecnicamente entendo que isto é coñecido, e que polo menos require de que o atendamos e o anticipemos. É unha situación recorrente e moi desesperanzadora, sentes impotencia porque o dos lumes pasou no 2000, no 2012, pasa no 2022 e nada, só empeoramos cada vez máis. O que sucedeu ademais desta vez é que entrou aos pobos e houbo veciños aos que se lle queimaron as casas”, comenta.

Ademais lembra que A Veiga de Cascallá, malia contar con xeradores (proporcionados polo Concello de Rubiá) que lle proporcionan luz á veciñanza, séguese sen restablecer “a corrente eléctrica, nin tampouco temos liña telefónica fixa”.

Vídeos da situación na Veiga de Cascallá tras a tormenta, cedidos pola veciñanza desta localidade.

 

 

https://youtube.com/shorts/bFKdqSRvKTM?feature=share

Artigos relacionados

Back to top button