DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Sergio e Natalia, a parella protagonista da IV edición da KDD Racing celebrada en Petín

En pleno espectáculo e diante da afección, o membro da organización pediulle á súa moza que casara con el

Con máis de 600 coches, chamativas exhibicións, sorteos e unha gran festa, a IV edición da KDD Racing celebrada en Petín a finais de xuño, será para lembrar. Sobre todo para Sergio e Natalia, a parella que protagonizou un dos momentos máis bonitos e románticos da xornada.

En medio dunha exhibición e diante do numeroso público que se congregou no recinto, un dos membros da organización pedíalle á súa moza que casara con el. “Natalia é moi tímida e xa llo pedira en outubro, de feito casamos o 31 de agosto, pero quería facer algo especial na KDD e volvinllo pedir, pero en público”, explica Sergio, asegurando que ao principio a moza escondíase entre a xente pero finalmente aceptou a proposición recoñecendo que “foi bonito”.

Ningún dos dous son de Valdeorras. Sergio Rodríguez García naceu en Ponferrada e Natalia Rodríguez Pérez é de Verín, pero coñecéronse en Ourense hai sete anos e dende hai seis viven en Portela (Vilamartín de Valdeorras), onde comparten a afección polo mundo do motor e dos rallyes. “Cando nos coñecimos a ela non lle gustaba, e máis molestáballe porque eu saía de traballar e metíame outras tres horas co coche, pero despois de 7 anos xa se meteu ela no mundillo tamén, non lle quedou outra”, di Sergio, lembrando que a el esta afección venlle xa de neno. “Meu pai foi campión de Castela León de montaña cun Simca 1000 e eu xa de pequeno andaba metido en temas de mecánica, nas carreiras,… De feito, ao chegar o verán percorriamos España vendo rallyes. É unha paixón que me vén herdada”.

 

Momento no que Sergio lle pide a Natalia que case con el.

 

Tamén de herdanza espera recibir algún día o Pontiac que seu pai ten no garaxe. “Di que será para min así que estou esperando que mo dé”, di, lembrando que de neno cando non durmía “metiame nel, facía un par de derrapes e vovía durmido para casa”. Mentres espera polo clásico americano, Sergio desfruta restaurando os seus propios vehículos. O Ford Fiesta de Natalia, modificado por fóra coa estética do ST e un Golf MK2, o seu coche por excelencia. “Restaurei un GTi hai tres anos pero tiven un accidente e quedou siniestro total. Unha semana despois merquei outro e acabei de restauralo este ano”.

Está claro que o seu é a mecánica e volveuno demostrar coa transformación do Panda de La Granja Racing que chamou moito a atención na KDD 2019. “Fixemos unha adaptación de catro coches: leva o bloque motor Golf MK3 2.0L, a culata dun Golf MK2 1.8L 8v (todo isto turbado) e a instalación dun Volkswagen Corrado G60, conseguindo máis de 200 cv”. Un traballo complexo que entre el e o seu compañeiro Walker levabaron a cabo despois de traballar durante case dous meses. “Hai tres anos xa o levamos a Petín pero este ano pensei en facer algo distinto. Puxémoslle o motor detrás e aí estivo aínda que tivemos unha serie de problemas. Arrancouse e saíu pero apagouse porque inxecta moita gasolina, a ver se o solucionamos”.

 

Sergio manipulando o motor do Panda modificado.

 

De aquí ao ano que vén teñen tempo. De mellorar o Panda e de buscar alternativas e espazo para que os coches que poidan chegar na vindeira edición da xuntanza non os desborden. “Esta edición foi brutal”, di, asegurando que  tanto el como Román contaban con moitos coches, de feito o seu obxectivo era xuntar 500, aínda que os seus compañeiros dicíanlle que iso era imposible, “ata Breo que é un dos fundadores da KDD Racing xunto a Piki e Walker que se chegabamos aos 300 podiámonos dar por satisfeitos, pero pola mañá en Petín adoitabamos ter 70-80 coches e este ano antes de xantar xa iamos polos 200 e a cola chegaba ata A Rúa. Non tiñamos onde aparcalos e ao regresar de xantar había coches por todas partes. Contamos 556 e dando un paseo resulta que había 70 sen contabilizar”. De cara ao futuro deberían ampliar entre un 20 e un 30% para que aparquen todos. “A repercusión mediática foi tremenda e iso vai influír para o ano que vén. Haberá que buscar vías de escape”, conclúe agradecendo o labor de todos e cada un dos membros da organización (Rocío, Antía, Aroa, Cynthia, Leti, Raúl, Iván , Saúl, Javi, Román, Santalla, Mario, Breo, Walter e Piki).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button