ConcellosEn portadaÚltima hora

Serra da Enciña da Lastra, un parque natural cheo de singularidades e que dobrou as súas visitas en agosto

A conselleira do Medio Ambiente visitaba este espazo natural e anunciaba que neste outono entrará en vigor o seu primeiro Plan de Xestión de Usos e Xestión de Serra

“Temos que poñer en valor o Parque Natural da Serra da Enciña (Rubiá), que non por ser o máis novo de Galicia (declarouse como tal no 2002) é menos interesante, senón todo o contrario”, destacaba a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na visita que realizaba a este espazo natural valdeorrés na mañá do 3 de setembro.

Acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Do Campo, e pola xefa territorial da consellería en Ourense; Ángeles Vázquez achegábase en primeiro lugar ao centro de visitantes e de interpretación do parque, situado en Biobra, para percorrer as súas instalacións escoitando as explicacións do persoal do mesmo e tamén do director do parque natural, Alfonso Fumega.

 

Un dos momentos do percorrido da conselleira de Medio Ambiente pola Serra da Enciña da Lastra (Rubiá).

 

A Serra da Enciña da Lastra é unha zona cárstica e ten máis de 3.000 ha de superficie (3.151), nos que poden verse diversas aves rapaces como a aguia real e os aciñeirais máis extensos e mellor conservados de Galicia. Entre os seus exemplares destaca a Aciñeira de Covas ou “das Cortiñas”, na entrada desta localidade, ten máis de 500 anos de vida e está declarada árbore senlleira pola Xunta de Galicia. Tamén mantén salgueirais mediterráneos (moi escasos no territorio galego) e conserva os únicos tomiñares da comunidade autónoma.

“Este parque posúe un gran interese dende o punto de vista xeomoforlóxico, paisaxístico, de hábitats e, polo tanto, a súa divulgación fixo que do ano pasado a este ano se duplicaran as visitas no mes de agosto. Visitar os nosos parques naturais é o mellor xeito que temos de conservalos e de preservalos e, ao mesmo tempo, de dar a coñecer unha Galicia verde e azul, que será a que nos siga distinguindo non só dentro da nosa propia comunidade, senón a nivel nacional e internacional”, resaltaba Ángeles Vázquez.

Entrada en vigor do primeiro PRUX do P.N. da Serra da Enciña da Lastra

Nesta visita a Valdeorras, a conselleira anunciaba que neste mes de setembro sairá publicado no DOG, e polo tanto entrará en vigor, o primeiro plan reitor de usos e xestión (PRUX) deste parque, que constitúe “un paso máis para fortalecer de cara a un futuro a nosa biodiversidade”.

O PRUX, que terá unha vixencia de seis anos, é un instrumento específico para xestionar, protexer e conservar os valores dun espazo natural garantindo o uso e a xestión axeitada dos seus recursos. Ademais contará cun plan de emerxencia e de autoprotección que mellorará a capacidade de resposta ante posibles emerxencias que puidesen presentarse; así como un plan de actuación con diferentes liñas de traballo para avanzar en materia de conservación da biodiversidade, paisaxe, investigación e uso público.

 

 

Este plan tamén redundará en beneficio da poboación dos núcleos rurais que existen dentro do parque. “Cando falamos de PRUX falamos dun traballo por parte do persoal que está traballando no parque, por parte dos especialistas, pero tamén contamos sempre coa poboación que reside no parque, porque sen ela difícilmente poderíamos preservar o que é a súa contorna. Aquí houbo moito diálogo, houbo moito consenso e ao final o resultado foi ese documento que se levou o 11 de xullo ao Consello da Xunta e que vai saír publicado no DOG en setembro”, comentaba a conselleira dando resposta a unha pregunta do Periódico O SIL.

Xunto coas axudas que xa existen en Galicia para a poboación e entidades do entorno dun parque natural, o novo plan incluirá tamén outro tipo de liñas. “Cada parque ten que ter o seu orzamento e do que se trata é de favorecer a biodiversidade e, dentro diso, tamén a conservación e preservación tanto a nivel paisaxístico e de árbores senlleiras, como a nivel de rutas; pero tamén intentando beneficiar ao que é a poboación. Nós o que queremos é que  xente resida en Galicia e no rural, que se especialice, e que a parte de vivir da agricultura, da gandeiría, e do sector servizos ou en parte da industria; que ademais sexamos capaces de vivir dun turismo de natureza, que é o que imos impulsar a través dos distintos proxectos que desenvolveremos en coordinación coa xefatura territorial”.

Percorrido polo parque natural

Actualmente este parque natural ofrece aos visitantes un total de 10 rutas que supoñen 45 kms. Dúas delas eran visitadas pola conselleira de Medio Ambiente. Así, en primeiro lugar achegábase ata o alto da Escrita, na Ruta das Dúas Vertentes, e logo ata un antigo caleiro, para deseguido subir ata o miradoiro do Tanque, que ofrece unha espectacular vista da aldea de Covas e do canón do Sil. Finalmente admiraba a antiga e impresionante Aciñeira de Covas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Ángeles Vázquez tamén visitou a “Aciñeira de Covas”.

Artigos relacionados

Back to top button