CulturaCulturaÚltima hora

Sés formará parte do xurado do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

A gala de entrega do premio celebrarase o 29 de setembro na Rúa
María Xosé Silvar, Sés.

“Porque cada un deles é un exemplo para nós”. Foi a motivación que levou á dirección do proxecto As Letras de Florencio a nomear aos catro membros do xurado do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán: dous valdeorreses de pro (Anxo Baranga e David D. Vázquez Álvarez) e dúas mulleres de fóra da comarca (María Xosé Silvar e Ola Novo).

Anxo Baranga, artista, escultor, pintor, home de teatro, etc, será ata este mes de setembro o Irmán Maior do proxecto. David Vázquez, é “o noso escritor e a persoa que está a crear unha literatura xuvenil grazas á cal o nosos cativos se achegan á lectura, sen esquecer as súas antoloxías de relatos,  as novelas…”

Con respecto ás mulleres, son dúas filólogas, dúas mestras. Olga Novo, unha poeta que co seu segundo libro Nós nus levou o premio Losada Dieguez, ademais dunha apaixonada investigadora sobre literatura. María Xosé Silvar, Sés, pola súa banda “é unha das últimas revolucións da música galega. Creadora e consumidora de poesía con cada unha das letras que compón”.
O texto gañador desta primeira edición do premio darase a coñecer o día 29 de setembro en varios actos que se celebrarán na comarca. A gala de entrega do Premio será na Rúa e correrá a cargo das poetas Lucía Aldao e María Lado. O prazo para presentarse ao concurso estará aberto ata o 15 de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button