OurenseÚltima hora

Sés presentará o 11 de maio en Ourense o seu novo disco

Este concerto está dentro da Xira “Rabia ao Silencio” e terá lugar ás 21h. no Auditorio Municipal da cidade das Burgas
A cantautora Sés.

O vindeiro sábado 11 de maio Sés presenta no Auditorio Municipal de Ourense o seu novo disco, “Rabia ao Silencio”, co que está a realizar unha xira de presentación por Galicia xunto coa súa banda. O concerto está previsto para ás 21h. no Auditorio Municipal.

Desta volta Sés propón un traballo acústico, máis íntimo e directo para “traer á Galicia do século XXI xoias musicais que na pasada centuria chegaron de ultramar (Cuba, Arxentina, Brasil…), mais tamén de diferentes puntos da Península Ibérica, na voz de Carlos Puebla, Víctor Jara, Mercedes Sosa, Zeca Afonso ou Fuxan os Ventos, entre outros. Cancións adaptadas á nosa lingua que foron, no seu momento, semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX, cancións que exemplifican a pluma e a voz profundas, humanas e solidarias”, segundo se informa dende a organización da xira.

“Rabia ao Silencio” (Altafonte, 2019) é un traballo composto por unha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor adaptadas pola autora. Cada unha delas ten unha historia detrás, que explica minuciosamente no libreto do disco: as ditaduras uruguaia e arxentina en letra de Benedetti ou Atahualpa Yupanki; a emigración galega vista por Fuxan os Ventos; a revolución sandinista; a cubana en boca en Carlos Puebla; un corrido popular mexicano dos tempos da revolución ou unha canción-denuncia da discriminación da comunidade negra dos anos 30.

Segundo a propia autora, este novo traballo é “unha débeda contraída con quen me esinou a pensar musicando e narrando a verdadeira historia e non a dos vencedores. Máis que coma un traballo propio, está concibido coma unha homenaxe a persoas que nos legaron grandes valores; ademais nun momento sociopoliticamente miserábel e artisticamente pobre. Agora que se confunde a profesionalidade musical coa indiferencia, o individualismo e a covardía, “Rabia ao Silencio” era unha obriga para min”.

As entradas para o concerto están á venda as entradas en Ataquilla.com.

Artigos relacionados

Back to top button